Caldas merece uns orzamentos de futuro
Caldas de Reis, 27 de xullo de 2021. "Os orzamentos municipais presentados por Juan Manuel Rey no pleno de onte son uns moi malos orzamentos para Caldas, non están á altura do que a sociedade caldense precisa e demanda, e supoñen un gran salto cara atrás para as veciñas e veciños de Caldas" afirmou o portavoz nacionalista, Manu Fariña, polo que necesariamente contaron co voto en contra do BNG.
Sabedores dos flagrantes incumprimentos do acordo que posibilitou a aprobación dos orzamentos do 2020, o PSOE decidiu dar un bandazo e lanzarse aos brazos dun PP máis preocupado polo seu propio interese político que polos veciños e veciñas de Caldas. Mostra destes incumprimentos son o feito de que en 2020 non se executou nin un só metro dos saneamentos previstos no acordo, nin se sacaron a concurso as concesións da piscina e a escola infantil municipais, ou a falta de mantemento dos viais municipais.
Manu Fariña: “A negociación dos orzamentos municipais entre o goberno municipal e o Partido Popular de Fernando Pérez deixa claras as prioridades do PSOE de Juan Manuel Rey”
O BNG sempre tivo e sempre terá a man tendida para mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños de Caldas. Boa mostra disto é o feito de que teñan a sinatura do BNG temas fundamentais para o futuro de Caldas como:
- A posta a diposición dunha parcela en Santa María para a construción do novo Centro de Saúde de Caldas. Demostrando deste xeito que era falso que a Consellería de Sanidade rexeitara previamente estes terreos como afirmaba o alcalde.
- O acordo para o reforzo das analíticas da traída municipal de Caldas e o contrato coa Estación de Hidrobioloxía da USC, dirixida naquel momento por Fernando Cobo. Analíticas e resultados que logo o goberno municipal decidiu ocultar deliberadamente.
- A dotación orzamentaria para mercar os terreos necesarios para a ampliación do IES Aquis Celenis. Partida que logo o alcalde decidiu non executar (pero que segue vixente e por tanto non figuraba no orzamento do 2021) para mercar nin os terreos sinalados no PXOM para este fin (cara a carballeira), nin do outro lado (cara a Segade).
Manu Fariña: “Caldas merece uns orzamentos de futuro, que aposten decididamente pola recuperación social e económica e que lle devolvan a Caldas o lugar que nunca debeu perder, tal e como propón o BNG” remachou Fariña.