Barro rexeita de forma unánime o paso da liña de evacuación do parque eólico do Castrove polo medio de Curro
Barro, 16 de xullo de 2024. O Pleno extraordinario celebrado no concello de Barro debateu e aprobou por unanimidade unha alegación contra o paso da liña de evacuación do parque eólico proxectado no monte Castrove.
O proxecto do parque eólico do Castrove, que se atopa en fase de exposición pública, se ben non contempla a implantación de ningún aeroxerador en terreos de Barro, si que que afectaría directamente ao municipio coa liña eléctrica de evacuación do polígono eólico que baixaría desde o alto do Castrove ata a subestación do polígono de Outeda.
Esta liña de alta tensión baixaría aérea deste o alto do Castrove ata o lugar de Bretoña, por onde pasaría soterrada polo medio do lugar. Despois volvería ir aérea por todo o val agrícola de Curro e bordeando o lugar de Outeda ata o polígono.
A alegación ao proxecto rexeita as pretensións da empresa que propón un trazado só pensado nos seus intereses económicos e que causaría graves afeccións e impacto medioambiental e paisaxístico para a veciñanza e desenvolvemento futuro da parroquia, tanto do núcleo como das súas zonas agrarias.
O alcalde, Xosé Manuel Fdez. Abraldes, valorou “moi positivamente o acordo unánime da corporación municipal para rexeitar unha alternativa que afectaría moito ao presente e futuro da parroquia e da veciñanza de Curro”.