Barro remata o ano con fibra óptica en todas as parroquias

dav
Barro remata o ano con fibra óptica en todas as parroquias

Barro, 22 de decembro de 2020. Despois de dous anos de traballos, Barro xa conta con liña de fibra óptica en todas as parroquias; polo que máis do 95 % dos fogares poden disfrutar dun servizo de banda ancha de nova xeración.

A parroquia de Valiñas foi a última na que se realizou o despregue da fibra, polo que os usuarios da antiga liña xa poden contratar fibra óptica e a maioría xa contan con este servizo.

A implantación da nova rede permite que os veciños e veciñas dun concello rural como Barro conten coa posibilidade de contratar un servizo de calidade para as súas telecomunicacións, o que se fixo máis necesario que nunca nesta época de pandemia na que aumentou o teletraballo e no que o estudantado depende da conexión a internet para poder seguir cos seus estudos.

Para o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, é moi positivo que a liña de fibra xa chegase a todos os lugares para substituír a antiga liña de cobre convencional. Foron meses de xestións para que o proceso se realizase da mellor maneira posíbel e coa maior celeridade. Ademais, tamén se conseguiu que a nova rede chegase aos dous polígonos industriais, ademais do polígono de Outeda-Curro, tamén ao polígono de Sequeiros, no que inicialmente non estaba previsto.

O seguinte obxectivo é conseguir que os pequenos lugares do concello que teñen o servizo telefónico a través dun sistema inalámbrico e aos que nunca chegou unha liña convencional, tamén poidan dispoñer da banda ancha. Con esta finalidade o alcalde está en conversas  coa compañía Telefónica para que estuden a viabilidade de estender a estes veciños a liña de fibra.

Barro remata o ano con fibra óptica en todas as parroquias