Barro dedicará 400.000 euros do seu superávit a proxectos que melloren os servizos e a calidade de vida da veciñanza

Abraldes
Barro dedicará 400.000 euros do seu superávit a proxectos que melloren os servizos e a calidade de vida da veciñanza

Barro, 29 de marzo de 2021. O Goberno Municipal aprobará na sesión plenaria ordinaria do vindeiro mércores unha modificación de crédito para dedicar 406.184,17 euros do seu superávit a distintos proxectos que sirvan para crear e mellorar espazos públicos, para melloras de seguridade viaria e de accesos a núcleos, para a mellora de servizos e de instalacións municipais e para axudar aos sectores máis afectados pola crise sanitaria.

Poñer en valor o patrimonio cultural e natural

Unha grande parte do importe desta modificación de crédito irá dedicada a proxectos que poñan en valor o patrimonio cultural e natural do Concello, para crear espazos dos que tanto a veciñanza como os visitantes poidan desfrutar. Así, o Goberno dedicará durante este ano 105.987,15 euros para mellorras no Parque Natural de Barosa e 56.057.17 euros nun proxecto para adecuar e pór en valor toda a contorna exterior do Pazo da Crega.

Mellora da seguridade viaria

Outros dos proxectos que se executarán con cargo ao superávit serán os relacionados co reforzo e mellora tanto da infraestrutura dos viais como da mellora da seguridade viaria. A suma destes proxectos ascende a 118.240 euros e investiranse na ampliación do vial no lugar do Concello, na mellora do acceso ao lugar de Cangrallo e en distintas actuación de reforzo no pavimentos de viais muncipais.

Medio ambiente

O Goberno municipal dedicará 54.000 euros para contratar a elaboración do proxecto para a construción dunha estación de tratamento de augas residuais no lugar de Lourido e que no futuro dará servizo á maior parte das vivendas do concello, así como 10.000 euros na compra de colectores de residuos.

Axudas aos sectores máis afectados pola crise

Tal e como se acordou no Pleno anterior, onde o Goberno se comprometeu a dedicar o 1% do seu orzamento para axudar aos sectores máis afectados pola crise sanitaria, destinaranse a esta cuestión 25.000 euros das arcas municipais, que se xuntarán aos 10.000 euros que a Deputación de Pontevedra aportará ao Concello de Barro para axudar aos sectores máis afectados.

Abraldes: "O gasto do superávit permitiranos acometer varios proxectos que teñen a finalidade de dotar a Barro de mellores servizos e de mellorar a calidade de vida de toda a veciñanza”.

Atención ao deporte

O Goberno tamén executará proxectos con cargo ao superávit no eido deportivo, pois dedicaranse 10.700 euros á instalación de marcadores deportivos electrónicos tanto no Pavillón municipal do Santo Antoniño como no Campo de Fútbol do Outeiro, así como para a adquisición doutros materiais deportivos, co obxectivo de que cando se dean as condicións sanitarias adecuadas se poidan retomar as competicións deportivas cunhas instalacións nas mellores condicións posibles.

Outras melloras

Tamén se investirán 17.500 euros para a adquisición dun sistema de grabación para as sesións plenarias e para a remodelación da páxina web do Concello de Barro.

Para Xosé Manuel Fdz. Abraldes, Alcalde de Barro, este gasto do superávit “é moi importante, pois permitiranos acometer varios proxectos que teñen a finalidade de dotar a Barro de mellores servizos e de mellorar a calidade de vida de toda a veciñanza”.

Barro dedicará 400.000 euros do seu superávit a proxectos que melloren os servizos e a calidade de vida da veciñanza