Os orzamentos de Barro para 2022 conxelan un ano máis as taxas e impostos e aumentan o gasto social
Barro, 24 de novembro de 2021. Barro aprobará hoxe en pleno as contas municipais para o exercicio do ano 2022. Trátase duns orzamentos nos que destaca o feito de que un ano máis vólvense conxelar as taxas e os impostos, unha decisión de non incrementar a presión fiscal das familias que se vén plasmando nas contas municipais desde que o BNG accedeu ao goberno municipal.
Nestas contas non se recolle ningunha partida de amortización de débeda, pois o Goberno municipal procedeu á súa cancelación total no exercicio do ano 2020. Volve destacar o incremento na partida a Atención Social, con 55.000 euros máis, chegando este ano a 567.100 euros, co obxectivo de continuar axudando ás persoas con máis dificultades, a través do servizo de Axuda no fogar e doutros servizos municipais.
A contía total do orzamento ascende a 2.700.000 euros, o que supón un incremento do 7,8% a respecto do anterior, un total de 195.000 euros máis.
O Goberno municipal seguirá un ano máis apostando pola mellora dos servizos básicos e pola dinamización social e cultural de todas as parroquias, contando cos colectivos culturais, sociais e deportivos que existen no concello.
Tamén continúa tendo un capítulo importante nas contas municipais para o exercicio do 2022 a promoción de emprego e o asentamento de novas empresas no terreo industrial do concello.