Barro avanza nos trámites urbanísticos para ceder os terreos do novo centro de saúde á consellería de Sanidade
Barro, 8 de novembro de 2021. O concello de Barro está realizando todos os trámites urbanísticos necesarios para poder cederlle á consellería de Sanidade na maior brevidade posíbel a parcela na que se construirá o novo centro de saúde de Barro, unha vez que os servizos técnicos da consellería visitaron a parcela e lle trasladaron ao alcalde que os terreos eran idóneos para albergar unha construción desas características.
O alcade de Barro, Xosé Manuel Fdez. Abraldes, móstrase “moi satisfeito porque se confirme a vontade da consellería de construír a curto prazo o novo centro de saúde e de que se confirme que as xestións realizadas polo concello durantes estes últimos anos deron un moi bo resultado e serviron para acurtar os prazos”.
O actual centro de saúde de Barro está obsoleto, non reúne as condicións de accesibilidade necesarias nin permite prestar un servizo de calidade. Coa nova construción, que se edificará ao lado do actual, o centro de saúde pasará de ter pouco máis de 300 m2 a ter unha superficie total de 800 m2. Este novo edicifio contará con 8 salas que se repartirán entre catro consultas médicas e pediátricas, dúas salas para enfermería e obstetricia, unha sala de toma de mostras e outra sala polivalente.