Abraldes pide que se garante a execución da mellora da seguridade viaria en Bretoña en 2022
Barro, 3 de novembro de 2021. O Alcalde de Barro, Xosé Manuel Fdez. Abraldes, envioulle unha carta á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, para pedirlle que o proxecto de Mellora da seguridade viara en Bretoña se execute no ano 2022, un proxecto que contempla a construción dunha rotonda en Bretoña, no cruzamento co vial provincial que vén desde o San Amaro, e a construción dun paso inferior para evitar o perigo que supón o cruce desa estrada, tanto para peóns como para vehículos agrícolas, pois a veciñanza da parte alta da parroquia ten as súas fincas do outro lado da estrada.
Este proxecto foi anunciado xa pola Consellería no ano 2019 e representantes da Xunta informaron de que estas obras estarían rematadas no ano 2020. A piques de rematar o 2021, o concello de Barro non ten coñecemento de que se avanzara nada nos procesos de expropiación e licitación.
A PO-531 é unha estrada que soporta un tránsito moi elevado, sendo a vía autonómica da provincia máis utilizada polos vehículos, con arredor de 20.000 coches diarios. A situación actual supón un perigo para vehículos e peóns e, até este momento, en Barro só se executou unha rotonda en Sequeiros.
A Consellería tamén ten pendente actuacións de mellora da seguridade viaria no treito vello da PO-531 ao seu paso por Outeda, e que o Alcalde de Barro xa lle demandou en distintas ocasión a Conselleira.