APROBADAS AS AXUDAS AOS SECTORES AFECTADOS POLA PANDEMIA E AS ALEGACIÓNS AO PARQUE EÓLICO ACIBAL

Barro aproba a tramitación Estudo de detalle para que FROIZ poida continuar coa implantación da súa central loxística na localidade

Barro aproba a tramitación Estudo de detalle para que FROIZ poida continuar coa implantación da súa central loxística na localidade

Barro, 27 de maio de 2021. O Pleno ordinario da corporación municipal de Barro, que se celebrou na noite do mércores, deu luz verde á tramitación da solicitude de estudo de detalle presentada pola empresa Distribuciones Froiz S.A. para seguir avanzando na construción da súa central loxística no Polígono de Outeda-Curro.

O obxectivo deste estudo de detalle é variar as alineacións da futura construción para desenvolver de forma eficiente a súa actividade loxística e favorecer a circulación dos camións e as manobras de carga e descarga.

Axudas aos sectores máis afectados pola crise

Na sesión plenaria tamén se aprobaron as bases para as axudas aos sectores afectados pola crise sanitaria e que se viron forzados a pechar polas medidas adoptadas tanto polo goberno central como polo goberno autonómico. Estas axudas, que serán de 600 euros por establecemento, irán destinadas a aquelas empresas que se viran obrigadas a pechar durante un mínimo de dous meses e para as que o concello de Barro aportará 25.000 euros, o 1% do seu orzamento, e a Deputación de Pontevedra 10.700, acadando así a suma de 37.700 euros. Estas bases contaron con seis votos a favor do BNG e un do PSOE e con catro votos en contra do PP. 

O PP vota en contra das axudas aos sectores máis afectados pola pandemia e das alegacións ao parque eólico que , entre outros moitos prexuizos, poderia afectar ao principal punto de captación de auga para a rede municipal

O Concello alega contra oi Parque eólico Acibal

Outra das cuestións que aprobou a corporación foi a alegación á exposición ao público do proxecto sectorial para a construción do Parque eólico Acibal, un proxecto que pretende construír catro aeroxeradores no monte Acibal. 

A alegación do Pleno da corporación de Barro fundaméntase nos danos e perxuízos que este Parque eólico podería ocasionar ao concello de Barro se finalmente se autoriza a súa construción, a pesar de que a localización dos aeroxeradores sería no Concello de Moraña, na zona limítrofe con Barro.

No proxecto de execución contémplanse actuacións nos viais de Barro, tanto de ampliación como de modificación de trazado, obras que pola súa localización poderían afectar ao principal punto de captación de auga que ten o concello para a rede de abastecemento público, xa que esta provén dunha balsa moi superficial que está situada na parte alta do monte Acibal.

Ademais, segundo se desprende do proxecto sectorial do Parque, o acceso ao mesmo realizarase desde a N-550 a través de viais locais. Nin o vial que discorre polo núcleo do Santo Antoniño nin o que continúa por solo rústico até o linde con Moraña están pensados para a circulación deste tipo de tránsito e, ademais, os planos aportados ao concello están incompletos pois hai treitos polos que non é posíbel circular con este tipo de maquinaria e non foi trasladado ao concello como se resolvería neses treitos o problema de circulación.

Os aeroxeradores previstos no proxecto teñen un porte de máis de cen metros de altura, polo que a súa construción afectaría de forma notábel á paisaxe nun monte tan emblemático do noso entorno. A favor da alegación votaron o BNG e o PSOE e en contra o PP.

Barro aproba a tramitación Estudo de detalle para que FROIZ poida continuar coa implantación da súa central loxística na localidade