Barro adxudica o proxecto de mellora dos accesos a Barosa

Presentación Proxecto Barosa
Presentación Proxecto Barosa
Barro adxudica o proxecto de mellora dos accesos a Barosa

Barro, 27 de novembro de 2025. O Pleno do Concello de Barro aprobou a adxudicación das obras de mellora dos accesos ao Parque da Natureza Ría de Barosa á empresa Construcciones Vale S.L., ao resultar a mellor oferta das presentadas no procedemento de contratación. 

Este proxecto forma parte dunha actuación integral promovida polo Concello de Barro para mellorar a accesibilidade e a seguridade no acceso a Barosa desde a estrada N- 550. A intervención abrangue preto de 500 metros de vial, onde se acometerá unha transformación completa que inclúe a creación dunha senda peonil segura que conectará as fervenzas co Camiño de Santiago, a mellora e reordenación dos espazos de aparcamento —incluíndo prazas adaptadas para persoas con mobilidade reducida—, a implantación de novas medidas de seguridade viaria, a renovación integral do alumeado público e a mellora do firme en todo o trazado. 

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, subliñou que esta adxudicación “supón un paso decisivo para iniciar unhas obras fundamentais para Barosa, un enclave natural e patrimonial de enorme valor para o noso municipio. Estes traballos permitirán mellorar a seguridade, crear accesos máis cómodos e avanzar nun modelo de mobilidade máis ordenado e sostible”. 

O proxecto conta cun orzamento total de 432.000 euros e dignificará e ordenará un dos espazos máis visitados do municipio. 

Barosa é o principal polo turístico do concello e un punto estratéxico no último tramo do Camiño de Santiago ao seu paso por Barro, polo que esta actuación suporá un avance significativo na mellora da seguridade e da convivencia entre vehículos, camiñantes e peregrinos, ao tempo que contribuirá a preservar e poñer en valor este enclave natural de referencia. 

Unha vez aprobada a adxudicación á empresa que se encargará da execución material dos traballos, o goberno municipal agarda que os traballos poidan comezar canto antes, para desenvolverse agora no inverno, por tratarse da época do ano de menor afluencia de visitantes ao parque. 

Barro adxudica o proxecto de mellora dos accesos a Barosa