Bará e Filgueira presentan as emendas do BNG para Cerdedo-Cotobade aos orzamentos da Xunta

IMG_6468
Bará, Filgueira e membros do Consello local do BNG diante do centro de saúde de Carballedo
Bará e Filgueira presentan as emendas do BNG para Cerdedo-Cotobade aos orzamentos da Xunta

Cerdedo-Cotobade, 15 de xaneiro de 2021. O portavoz municipal Ernesto Filgueira, acompañado polo deputado Luís Bará e membros da Asemblea Local do BNG de Cerdedo-Cotobade, presentaron as emendas que a formación nacionalista presentou aos orzamentos da Xunta de Galiza para 2021 e que fan referencia a problemas e demandas da veciñanza do municipio.

En primeiro lugar, o BNG contempla unha partida de 750.000 euros para un novo centro de saúde en Carballedo que conte con espazo, material e persoal suficiente para dar resposta á atención sanitaria que precisa o concello nun contexto de pandemia como o actual.

Cerdedo-Cotobade é un municipio cunha poboación moi avellentada, polo que se fai moi necesaria a construción en Carballedo dunha residencia pública para persoas maiores. O BNG contempla 250.000 euros para o proxecto deste centro tan necesario.

Outro dos grandes eixos das emendas do BNG aos orzamentos da Xunta é a mellora da seguridade viaria na PO-234 (Carballedo-Augasantas) e na PO-233 (Bora-A Lama) que permita solventar a perigosidade dalgúns treitos da PO-233 ao seu paso polos lugares de Vilanova, A Xesteira e As Lagoas, mediante a adopción de medidas de calmado de tráfico, construción de beirarrúas e pasos de peóns regulados por semáforos intelixentes, e a construción dun carril bici desde a rotonda de Ponte Bora até o concello de A Lama, que abrangue as estradas PO-233 e PO-234.

Un terceiro grande eixo é o da posta en valor do rico património histórico do noso concello. Cerdedo-Cotobade conta cunha grande riqueza en gravados rupestres que deben ser coidados e valorizados (estación de Outeiro Lombo da Costa, estación dos Fentáns, estación de Viascón, estación da Porteliña da Corte e estación de Pedre). Neste sentido o BNG demanda a roza perimetral, a recuperación e posta en valor das laxes, a creación de estacións petróglifas con perímetros delimitados e paneis informativos e a posta en marcha dun plan de promoción coa marca “Petróglifos de Cerdedo-Cotobade”, por un importe de 150.000 euros.

Unha última partida proposta polo BNG de 200.000 é para a creación dunha lonxa forestal que abarque os concellos de Forcarei, Beariz e Cerdedo-Cotobade.

Bará e Filgueira presentan as emendas do BNG para Cerdedo-Cotobade aos orzamentos da Xunta