Bará aposta por unha grande mobilización social o 12X que permita un cambio político galego na Xunta para acadar unha “Galiza máis forte, xusta e con futuro”

20-05-25-Luís Bará 4
20-05-25-Luís Bará 4
Bará aposta por unha grande mobilización social o 12X que permita un cambio político galego na Xunta para acadar unha “Galiza máis forte, xusta e con futuro”

Pontevedra, 25 de maio de 2020. O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, arrancou hoxe a precampaña electoral asegurando que é precisa unha grande mobilización social o 12X que permita un cambio político galego na Xunta para acadar unha “Galiza máis forte, xusta e con futuro”. O nacionalista destacou que non hai nada decidido porque “xogámonos moito e está nas nosas mans e no noso voto” dar ‘carpetazo’ ás políticas fracasadas do PP que deterioraron e privatizaron servizos públicos. Salientou que o BNG sae “a suar a camiseta para gañar” cunha muller á fronte como Ana Pontón con capacidade para ser a primeira presidenta da Xunta.

Bará subliñou que o cambio no Executivo galego é “posible e máis necesario ca nunca”. Destacou que se xa en abril era importante mudar as cousas na Galiza, agora tras a crise sanitaria faise aínda máis urxente, polo que insistiu na necesidade de mobilización da xente que cre posible outro país: “Facemos un chamamento aos sectores máis dinámicos da sociedade galega, ao voto urbano, ao da xente moza, das mulleres, das persoas que queren o cambio e unha sociedade máis xusta e igualitaria”, dixo, asegurando que este momento “é histórico”, xa que a crise plantexa un reto colectivo e a oportunidade de conseguir unha saída da crise diferente á de 2008, na que “permanezan os intereses da clase traballadora e non do capital ou dos poderosos”. 

Segundo destacou Bará, boa parte do debate nesta campaña electoral estará centrada na xestión e resposta despois da COVID-19. Subliñou que o BNG tivo altura de miras sendo propositivo, mais insistiu en que se puxeron de relevo dúas cuestións: o fracaso do centralismo e que a Xunta de Galiza estivo desaparecida, poñendo como exemplo que foi o único goberno autonómico que non aprobou axudas directas a autónomos e pemes. 

Está nas nosas mans e no noso voto” dar ‘carpetazo’ ás políticas fracasadas do PP que deterioraron e privatizaron os servizos públicos

“Temos que dar portazo ás políticas fracasadas e de pasado do PP, que non fixeron máis que deteriorar e privatizar os servizos públicos”, subliñou, para engadir que Galiza é hoxe un deserto industrial no que mingua a poboación e con cada vez menos peso político, no que a emigración e a precariedade son as dúas únicas ofertas para a xente moza.

Segundo dixo, “é preciso un cambio galego feito aquí, por nós”, xa que a crise deixou a lección da fortaleza do local, o propio e o próximo, e da necesidade de cambiar a globalización polo local. “Temos que dar carpetazo tamén ao centralismo, e ter unha Galiza con capacidade de decisión para despregar as súas potencialidades”.

Con ese obxectivo, explicou Bará, o BNG preséntase ás eleccións do 12X cunha muller á fronte, Ana Pontón, con capacidade, preparada e dialogante, para ser a primeira muller Presidenta da Xunta na historia. “O PP está instalado no triunfalismo e na soberbia, pero o BNG sae a gañar, cunha militancia motivada e xa en inicio do desconfinamento. Temos boas expectativas e estamos avalados por gobernos transformadores, solventes e eficaces que queremos trasladar á Xunta”.

 

Campaña sen vantaxismos

Bará recoñeceu que a campaña estará marcada polas circunstancias “anómalas e estrañas” e subliñou que o BNG pretende estar moi activo, tanto mediaticamente, nas redes sociais, como presencialmente sempre dentro do estrito respecto ás normas sanitarias. Por iso pediu que se dean tanto as máximas garantías para a saúde, pero tamén democráticas, “sen os vantaxismos e trampas que pretende o PP”.

“Queremos unha cobertura equitativa de medios, debates a dobre volta cos líderes e debates territoriais e sectoriais”, coas regras claras e garantías nos diferentes formatos. En canto á presenza nas rúas destacou que o BNG terá principalmente actos en espazos abertos e de pequeno formato, sempre primando a intelixencia e orixinalidade.

Bará aposta por unha grande mobilización social o 12X que permita un cambio político galego na Xunta para acadar unha “Galiza máis forte, xusta e con futuro”