A Banda de Música de Pontevedra encherá a cidade co ciclo estival "Sons na rúa", que culminará cun espectáculo inédito que leva por nome "Bravú bandístico"
Pontevedra, 11 de xuño de 2026. O concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, e o director da Banda de Música de Pontevedra, Rafael Agulló, presentaron esta mañá o novo programa de actuacións que a agrupación musical ofrecerá ao longo deste verán nas rúas da cidade.
Gómez cualificou a programación como un "auténtico luxo", destacando que se trata dunha proposta "moi variada e aberta a todos os públicos". O edil de Festas quixo convidar a todas as veciñas e veciños a saír á rúa para escoitar e participar destas actuacións. No acto tamén estivo presente Víctor López, presidente da Banda.
Pola súa banda, Agulló explicou que esta nova serie de actuacións, bautizada como "Sons na rúa", dá continuidade ao ciclo anual "Vento en popa a toda vela", tomando a testemuña do "ciclo de butaca" que se desenvolveu durante os meses anteriores no Teatro Principal e no Pazo da Cultura. O fío condutor desta programación estival será a de viaxar e atoparse con diferentes culturas a través da música.
O cartel do ciclo "Sons na rúa" estará composto polas seguintes grandes citas:
- Estampas Ibéricas (este sábado, 13 de xuño ás 20.30 h. na Alameda): Un percorrido musical polas diversas culturas da Península Ibérica. O repertorio incluirá "Bens Catalans", música vasca e flamenca, a obra "Canso de tradición" do portugués Luis Cardoso e a peza "Fantasía" do compositor estradense Simón Couteiro, baseada en tres temas populares galegos.
- Festas do Santiaguiño (22 de xullo ás 20.30 h. Santiaguiño do Burgo): Como xa é habitual, a Banda terá o seu espazo nestas festas cun concerto homenaxe ás grandes voces da historia da música, con especial protagonismo para figuras como Aretha Franklin ou Frank Sinatra.
- Escala en América (31 de xullo ás 20.00 h. na alameda): Un concerto que suporá unha viaxe sonora de norte a sur do continente americano. Esta cita servirá ademais como marco para a presentación oficial de Daniel Penas como novo director asistente da agrupación.
- Concerto das Peregrinas: "Bravú bandístico" (12 de agosto ás 21 h. Praza da Ferraría): O colofón do verán será a estrea dun espectáculo musical totalmente inédito. Aínda que non se desvelaron polo miúdo os detalles da produción, o director explicou que este concerto será unha rechamante mestura entre o coñecido movemento musical galego e a música de banda. O director asegurou que o resultado destes dous ingredientes macerados será "súper interesante" e "non deixará indiferente a ninguén".