A Banda Municipal de Caldas seleccionada para competir na 136 edición do certame internacional "Ciutat de València"
Caldas, 16 de xullo de 2024. A Banda Municipal de Música de Caldas de Reis vén de ser seleccionada para competir na 136 edición do Certame Internacional de Bandas de València que terá lugar entre o 18 e 21 de xullo.
Das 21 bandas que conforman a orde de actuación, quince son da Comunitat Valenciana, dúas de Galicia (a Banda de Caldas e a Asociación Cultural Banda de Música de Santádega -Ourense-), unha de Madrid e outra de Castela A Mancha, ademais da participación dunha banda sinfónica de Colombia e dunha banda de Portugal. Inicialmente estaban inscritas 30, mais foi preciso facer unha selección ao superar as prazas previstas.
Segundo explica o Tenente de Alcalde Manuel Fariña, o Concello de Caldas quixo volcarse apoiando á agrupación musical para participar neste evento, considerado dos de máis nivel en todo o estado, axudando cunha subvención nominativa de 10.000 euros. Estes cartos servirán para financiar parte do custe do traslado e estancia de todas as músicas e músicos (aproximadamente uns 70) que se desprazarán dende Caldas á Comunidade Valenciana.
Fariña destaca que Caldas é unha vila fondamente vencellada coa música e ten unha Banda Municipal “de primeira división que merece poder demostrar o seu alto nivel na competición internacional”. O concelleiro nacionalista subliña que a agrupación xa gañou o pasado ano o XVI Certame Galego de Bandas e ten moitas posibilidades de volver á casa “con outro premio baixo o brazo”.
Segundo o responsable da área de Cultura, a participación da Banda de Caldas no Certame de Valencia, ademais, permite levar o nome do concello máis alá das fronteiras galegas, dándose a coñecer entre persoas e agrupacións internacionais. “Estar no ‘Ciutat de València’ é unha grande proxección para a nosa vila”, subliña.
O Certame Internacional de Bandas de València é o único concurso desta categoría que ten carácter anual e é extraordinario pola súa antigüidade, tradición e a cantidade e calidade das e dos músicos que acoden.