Avanzan a bo ritmo as obras de restauración da estrada de acceso á estación de bombeo, que permitirán a apertura da senda do Lérez

Avanzan a bo ritmo as obras de restauración da estrada de acceso á estación de bombeo, que permitirán a apertura da senda do Lérez

Pontevedra, 4 de novembro de 2024. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores visitou as obras de reposición do noiro que caeu sobre a senda do Lérez e que soporta a estrada cara a estación de bombeo en Monte Porreiro. Estivo acompañado do concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, responsable do proxecto así como dos funcionarios da oficina técnica que dirixen os traballos e da empresa construtora, E.C.Casas. 

Trátase dunha actuación de emerxencia na que o Concello xa está a traballar dende hai unhas semanas. Primeiro estudou o estado do noiro dende o punto de vista xeotécnico e agora acomete a obra coa instalación de grandes muros de pedra de contención. 

Os técnicos municipais estudan desviar as augas pluviais que proceden de Monte Porreiro, que foron as que causaron o derrube do noiro.

Fernández Lores comprobou como se “están levantando muros para protexer o noiro e deixalo con seguridade”, co propósito de poder abrir a estrada e a senda do Lérez canto antes. 

Tamén adiantou que o equipo técnico municipal está a estudar a redistribución das augas pluviais que baixan de Monte Porreiro cara esa estrada xa que “foron as que provocaron ese desmonte bestial”. 

“Están traballando a bo ritmo e hai unha previsión de gasto máis de 400.000 euros para deixar planchada esta zona e que non se produza ningún tipo de derrubamento aínda que veñan outros temporais”, concluíu o alcalde. 

Avanzan a bo ritmo as obras de restauración da estrada de acceso á estación de bombeo, que permitirán a apertura da senda do Lérez