Arranca o novo contrato do lixo de Pontevedra coa publicación do regulamento da xestión

Arranca o novo contrato do lixo de Pontevedra coa publicación do regulamento da xestión

Pontevedra, 27 de novembro de 2020. A vindeira semana comezará, formalmente, a tramitación do novo contrato do lixo do Concello de Pontevedra. Así o anunciou o concelleiro responsable de Residuos, Raimundo González Carballo, quen precisou que se trata de abrir o período legal de participación cidadá para a elaboración do futuro regulamento (ordenanza) para a limpeza dos espazos públicos e xestión dos residuos sólidos urbanos (RSU).

Nesta normativa regularase a recollida dos RSU: tipo de residuos que se recollerán; determinará que facer cos que non son domiciliarios; os tipos de colectores; de recollida; as liñas de actuación na redución, reutilización e reciclaxe; a creación do centro ambiental (actual servizo de punto limpo); a recollida da materia orgánica; a separación dos plásticos e envases; a limpeza dos espazos públicos; a xestión da limpeza pública cando existen actividades no espazo público...

A través da páxina web municipal Pontevedra.gal, o Concello abrirá a consulta cidadá para que os veciños e veciñas fagan as suxestións que consideren pertinentes para determinar o funcionamento do novo servizo. Estará publicada a partir da semana que vén (martes ou mércores) e terá un período de recepción de opinións de un mes.

O Concello abrirá un proceso de participación cidadá para que a veciñanza achegue as suxestións que considere para elaborar a futura ordenanza de limpeza dos espazos públicos e xestión dos residuos sólidos urbanos

Raimundo González indicou que esta participación cidadá que agora se solicita para a elaboración do regulamento, é distinta á que estaba aberta até agora e que formou parte dunha rolda de reunións e encontros con asociacións veciñais, sindicatos, empresariais, ecoloxistas... que pretendía coñecer as expectativas que teñen os pontevedreses e pontevedresas no futuro contrato do lixo.

Das máis de 400 achegas recibidas, máis do 11% solicitaban que se ampliase o sistema de compostaxe (tanto individual como colectivo), e seguindo esta liña que se implantase o tratamento de biorresiduos (3,9%), ou que se primase a reciclaxe e a compostaxe (6,49%). A gran maioría das suxestións van dirixidas a mellorar e incrementar a compostaxe e a reciclaxe, o que amosa o “gran compromiso ambiental dos veciños”, segundo o concelleiro.

Tamén explicou o Raimundo González que a actuación do Concello, ademais de atender a esta preocupación ambiental, tamén debe atender a cuestións de carácter económico. Deste xeito, fixo referencia á Lei de residuos en tramitación por parte do Ministerio de Transición ecolóxica, que penalizará os vertedoiros e o lixo que se incinera.

No caso da incineración, penalizarase co pago de 20€/T, contías que poden baixar aos 10€/T no caso de incrementar o tratamento do lixo. Polo tanto, todo o que se incinere “vai ter un sobre-custe”. Pero este nunca se repercutirá na factura aos veciños de veciñas de Pontevedra, segundo aclarou o concelleiro

Arranca o novo contrato do lixo de Pontevedra coa publicación do regulamento da xestión