Aprobada por unanimidade a moción do BNG para a mellora da estrada de Borela (Cerdedo-Cotobade)
O Pleno do concello de Cerdedo-Cotobade vén de aprobar, por unanimidade, unha moción do BNG na que se insta á Deputación -titular do vial- a levar a cabo accións de mellora de trazado e calmado de tráfico, así como a creación dun vial peonil/ciclista paralelo á plataforma rodada dende a PO-233 ata o entronque co camiño que chega ao lugar da Graña, que garantice a seguranza viaria tanto de peóns como de ciclistas.
Como puxo de relevo pleno o noso Portavoz municipal, Ernesto Filgueira, a EP-0407 é unha estrada relevante para a mobilidade local, pero nela se detectan desprazamentos de vehículos a altas velocidades, que crean problemas de seguranza viaria, especialmente graves no treito que vai dende a intersección anterior á Casa Cultural Nélida Piñón ata o entronque co camiño que une coa Graña, un espazo no que se ubica un parque infantil.
Ernesto Filgueira agradeceu o apoio de toda a corporación á moción, salientando a importancia de garantir a seguridade viaria con vías seguras nas que circule amodo. “Nós non queremos autopistas diante das nosas casas, queremos unhas estradas en condicións, seguras, acordes coa mobilidade do século XXI”, dixo Ernesto Filgueira.