Unha aposta decidida polo comercio local

20-06-11-Bará-Lores-comercio 2
Apoio ao comercio local
Unha aposta decidida polo comercio local

Pontevedra, 11 de xuño de 2020. "Apostar de maneira decidida e masiva polo comercio de quilómetro cero como xerador de riqueza local". Esa foi a aposta que puxo sobre a mesa o cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, durante unha visita a diferentes negocios da cidade do Lérez para comprobar como se adaptaron para intentar sacar proveito das actuais circunstancias.  Destacou tamén que son necesarias medidas e axudas urxentes e directas para os autónomos, ademais de defender que o BNG, no novo goberno galego tras o 12X, impulsará unha nova Lei de comercio, unha plataforma galega de comercio on-line e intensas campañas de promoción, entre outras iniciativas.

Bará, acompañado polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, amosou a súa preocupación pola situación dun sector que supón o 13% do emprego e o 14% do PIB galego, xa que está a ser duramente golpeado pola crise. No seu percorrido por negocios locais na cidade ambos nacionalistas viron distintas situacións, cuns comercios “que van recuperando a actividade e outros que teñen maior dificultade”.

Segundo destacou o candidato, a situación na rúa  amosa “que é preciso que o futuro goberno galego, cun cambio galego da man do BNG, teña unha aposta decidida e masiva polo comercio galego, local, de proximidade, cambiando e aproveitando a crise para darlle un cambio radical ás políticas que se viñeron facendo ata agora, apostando polo comercio local, porque é realmente o que crea emprego, crea riqueza, que dá dinamismo e vitalidade ás cidades e que xera riqueza que queda aquí. É comercio de quilómetro cero porque os beneficios que xera non van para fóra”, subliñou. 

O cabeza de lista plantexou a batería de medidas do Bloque para reactivar o sector comercial. Sinalou que dentro das propostas que ten o BNG hai algunhas que son de acción inmediata e urxente, como a proposta de que o goberno galego habilite axudas directas aos autónomos de 2000 euros para facer fronte a esta situación. “Galiza é a única comunidade xunto con Aragón que non aprobou estas medidas”, criticou. 

Máis a medio e longo prazo, indicou Bará, é preciso facer unha nova Lei de Comercio, imprescindible para regular horarios, aperturas “e todas estas cuestións que lles perxudican ao comercio local”. Apostou por unha moratoria de grandes superficies comerciais, campañas masivas de apoio ao comercio local, “de apoio e confianza e compromiso”. Tamén sinalou a aposta pola innovación e a modernización do comercio, para o que propuxo a creación dunha plataforma público-privada unha especie de ‘Amazon galego’ para dar visibilidade e fomentar tamén a presenza do comercio galego no comercio online.

Pola súa banda, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, que acompañou ao cabeza de cartel do BNG por Pontevedra, manifestou que o comercio local é un sinal de identidade do modelo Pontevedra porque “entendemos que é máis que un sitio onde mercar: xera vida na rúa, xera cohesión social, xera autoestima... Temos que seguir traballando e potenciando”. Neste sentido, insistiu en que se ve que o modelo Pontevedra, co cambio climático e no día despois da COVID-19, preséntase como solución ou paliativo da crise porque se precisan espazos públicos para a xente, para poder circular sen perigo de contaxio.

Na súa valoración das visitas aos negocios locais, o rexedor puxo de exemplo o traballo realizado en Chema Sport, un comercio que cualificou como de proximidade e de capital e traballadores de Pontevedra, sinalando como se adaptou á realidade e ás novas circunstancias. Esta firma de dez traballadores iniciou un ERTE que progresivamente foi cancelando ao decidir reactivar a venda online chegando a ter mellores vendas que o ano pasado neste período. A propietaria, Elena Rajoy, destacou que a potenciación do comercio electrónico “foi ‘bonita’ porque a maior parte das vendas eran para a propia cidade de Pontevedra, para Vilagarcía, Cambados...”, constatando o valor que a clientela daba a consumir en comercios de proximidade.

Unha aposta decidida polo comercio local