A PROPOSTA DO ANTERIOR GOBERNO DA DEPUTACIÓN ERA ILEGAL
A alcaldesa de Moraña míntelle á veciñanza de Rebón
O BNG-Moraña acusa á alcaldesa de Moraña, Luísa Piñeiro, de manipular aos veciños de Rebón facéndolles crer que a variante proposta polo anterior goberno provincial do PP para mellorar a mobilidade na EP-0503 aínda é viábel. A deputada Eva Vilaverde, xunto ao voceiro do BNG en Moraña Marcos Suárez, queren deixar claro que ese proxecto é ilegal e ten múltiples deficiencias insalvables, polo que o contrato coa empresa que ía executar as obras xa foi resolto pola nova Deputación o pasado mes de xullo.
“Ese proxecto xa está descartado. Non se vai executar. Non cabe a posibilidade de retomalo”, asegura Vilaverde, que así llo transmitiu tamén a un grupo de 30 veciñas e veciños de Rebón nun encontro o pasado domingo pola mañá. A nacionalista aclaroulles que a situación de ilegalidade da variante foi explicada polo deputado de Mobilidade e técnicos da Deputación á alcaldesa Luísa Piñeiro en varias reunións poñendo sobre a mesa os problemas que tiña o proxecto. “A alcaldesa non pode alegar que non coñece as deficiencias. Sabe que non se poden corrixir polo que está a manipular aos veciños se lles da algún tipo de esperanza de que a variante se vai facer. Sabemos que os informes para esa obra nunca poderán ser positivos porque afecta de xeito irreversible ao Patrimonio, entre outras cousas, e, ante isto, debe quedar claro que o BNG non vai facer ilegalidades”, subliñou Vilaverde.
Eva Vilaverde lembra que a proposta do anterior goberno provincial do PP está totalmente descartada “e non se vai executar por ser ilegal”
A deputada provincial, neste sentido, salientou que a alcaldesa de Moraña ”foi desconsiderada e descortés co goberno da Deputación ao realizar unha visita política a estes veciños o pasado venres, acompañada de Nidia Arévalo, voceira provincial do PP para venderlles que a variante aínda se pode facer, cando sabe perfectamente que xa non”. “Está a utilizar á veciñanza para os seus intereses políticos e atacar á Deputación”, subliñou, para engadir que dende o BNG “afeamos a utilización política e propagandística que o Partido Popular quere facer de veciñas e veciños para criticar inxustamente a nova liña de actuación do goberno da Deputación. Demandamos responsabilidade e honestidade á alcaldesa e ao Partido Popular de Moraña e convidámolos a que se dedique a traballar conxuntamente para buscar a mellor solución a esta demanda veciñal”, aseguran.
Irregularidades na tramitación
Segundo explicou Marcos Suárez, o motivo para anular a variante foi a existencia de múltiples e insalvables irregularidades de tramitación. Entre elas destacaba que o proxecto carecía de informe de impacto ambiental, a pesar de ser obrigatorio ao tratarse dunha variante; tampouco tiña informe de Augas de Galicia a pesares da afección a un regato que discorre pola zona de paso da estrada e carecía, así mesmo, dun informe de Patrimonio a pesares de pasar polas inmediacións da igrexa do século XII levantando noiros de ata quince metros de altura con recheos de terra apenas 50 metros diante do santuario.
Ante esta última situación, dende a Deputación, solicitouse informe ao arqueólogo provincial para ver da viabilidade da actuación, e este concluíu que as obras aceptaban “de forma inaceptable ao patrimonio cultura de Galiza”
A Deputación “ten un novo proxecto, cartos para financialo e interese en que saia adiante para atender as necesidades da veciñanza”
“Ante a imposibilidade de executar a variante e para dar resposta ás necesidades dunha mellora na mobilidade da zona a Deputación púxose de inmediato a traballar nunha nova alternativa”, afirmou Eva Vilaverde. A deputada e o voceiro municipal aseguraron que a Deputación así como o BNG de Moraña queren mellorar a estrada provincial “do mellor xeito posible para a veciñanza” e aseguraron que a Deputación dispón de cartos para realizar as obras, ten interese en mellorar a estrada e está á espera de que a alcaldesa comprobe e dea o visto bo ao novo proxecto e despois se lle presente e analice cos veciños, xa que a actuación non se vai levar adiante de maneira unilateral.
Asegurou Vilaverde que “a Deputación non vai facer ningunha obra en contra da opinión dunha alcaldesa. “Houbo tres reunións con Luísa Piñeiro e unha visita a Rebón para falar da situación e chegar a consenso. Hai un proxecto sobre a mesa e debe ser a rexedora e as veciñas e veciños quen decidan se o queren ou non”.
O BNG de Moraña, pola súa banda, agradece o alto número de veciños e veciñas que se achegaron o domingo á reunión, e inciden en que continuarán á disposición realizando todas as asembleas informativas necesarias buscando a mellor solución a esta cuestión para a veciñanza de Rebón.