O alcalde sitúa a Pontevedra na "vangarda da investigación europea" de mobiliario urbano sostible durante a exhibición do proxecto AMBIANCE
Pontevedra, 20 de maio de 2026. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, celebrouque Pontevedra fose escollida para validar no espazo público o proxecto europeo AMBIANCE, unha iniciativa que ten como obxectivo reducir ata nun 70 % a pegada ambiental dos produtos urbanos. Durante a presentación da exposición, situada na praza de Barcelos, o rexedor subliñou que, con esta iniciativa, "Pontevedra colócase na vangarda da creatividade e da investigación europea" na procura de materiais que sexan respectuosos co planeta.
Fernández Lores puxo en valor o traballo da empresa local Setga que, xunto ao Centro Tecnolóxico AIMEN e a un consorcio formado por dez entidades de seis países europeos, está a desenvolver este proxecto innovador. Para o alcalde, é fundamental buscar alternativas aos materiais convencionais empregados nos espazos públicos, apostando por solucións que sexan sostibles, reciclables, reutilizables e que respondan aos principios da economía circular. Neste sentido, destacou que o proxecto está plenamente aliñado cos obxectivos do milenio e coa Axenda 2030 para contribuír a "conseguir un planeta mellor".
O proxecto AMBIANCE, que contou cun orzamento de máis de 4,5 millóns de euros ao longo de catro anos de traballo, combina a dixitalización e a fabricación avanzada con biomateriais. Entre os prototipos exhibidos na rúa atópase mobiliario urbano de gran formato fabricado mediante impresión 3D cun robot de tres metros, empregando bioplásticos procedentes da fermentación de vexetais como a cana de azucre ou a iuca. A mostra tamén inclúe paneis decorativos da firma sueca Podcomp e solucións de herba sintética con fibras biolóxicas da empresa italiana Mondo. Este último avance foi valorado moi positivamente polo rexedor, quen sinalou a importancia de atopar alternativas ecolóxicas para os campos de céspede artificial debido ás súas actuais dificultades de reciclaxe.
A instalación funcionará como un espazo de proba e estará á disposición da cidadanía durante seis meses, co fin de validar a resistencia dos novos materiais á climatoloxía e ao uso nunha contorna real. Ante a futura evolución do proxecto, Miguel Anxo Fernández Lores asegurou que, unha vez rematada a fase experimental e cando os produtos acaden a fabricación en serie, o Concello de Pontevedra terá as portas abertas a incorporar este tipo de mobiliario para o desfrute da veciñanza. Deste xeito, o Goberno local manterá a súa aposta histórica pola sustentabilidade, do mesmo modo que xa o fixo coa integración de solucións de iluminación respectuosas co medio ambiente.