O alcalde de Pontevedra e a vicepresidenta do Goberno, Teresa Ribera, coinciden na necesidade de traballar e recuperar os espazos marítimo-terrestres de Pontevedra
Pontevedra, 21 de febreiro de 2024. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo este mércores, 21 de febreiro, xunto co edil César Mosquera, unha reunión de traballo coa vicepresidenta e ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera. O obxectivo da mesma era afondar e repasar os diversos proxectos que o Concello de Pontevedra ten en carteira en relación coas zonas marítimo-terrestres.
O rexedor explicou á saída da reunión que esta foi «agradábel e operativa», e que existe unha coincidencia clara «na necesidade de recuperar os espazos marítimo-terrestres de Pontevedra» entre o Goberno local e o Goberno Estatal.
O rexedor puido xa confirmar en Madrid que nun breve espazo de tempo, en relación co proxecto de creación do vial de Mollavao, será remitida a conceción dos terreos para executalo. Ademais, tamén se informou de que a gasoliñeira e o transformador de Fenosa na rúa Domingo Fontán teñen rematada a súa concesión, polo que, aínda que nestre intre debe haber algún recurso por parte de Repsol que está a ser estudado, o uso destes espazos debería quedar pronto finalizado.
"Outra das cosas que nos dixeron é que a contorna da Escola de Adultos, antigo Vidal Portela, está xa desafectado, xunto co pavillón da Universidade e algún vial máis próximo, e será transfirido a Facenda", informou Lores."Non se pode desafectar un terreo e que non haxa unha administración propietaria do mesmo. Sexa como for, esta zona pasará a non depender de Costas".
O alcalde agarda afondar en todos os asuntos pendentes na reunión que terá lugar na Boa Vila e que se poida seguir avanzando neste sentido, na senda da recuperación de distintos espazos. Lores explicou a súa satisfacción por todo isto, e adiantou que as intencións do Concello de Pontevedra "é partir de cero" no referido as relacións e proxectos con Costas. "Queremos que todo se resolva dunha maneira razoábel. A vontade, tanto do Concello como de Costas, é a de resolver todo o antes posíbel. Na reunión que está por vir é a que decidirá distintas cuestións e intervencións, pero está claro que estamos nun tempo novo na que falaremos do paseo a Marín, da ensenada do Ulló, Ponte Sampaio...".
Lores quixo destacar desta entrevista o acordo entre ambas as dúas partes para continuar estudando os distintos proxectos de recuperación e renaturalización que hai sobre a mesa, polo que se fixará no futuro próximo unha nova reunión entre as dúas Administracións, neste caso xa en Pontevedra. Será a directora xeral das Costa e do Mar, Ana María Oñoro, a que acudirá até Pontevedra «para comprobar in situ» as distintas posibilidades que ofrecen os proxectos.
"Teño que dicir que coincidimos en varios dos proxectos de recuperación e agora veremos cales están máis maduros e que Administración pode facerse cargo deles ou que vías de colaboración se poden establecer", indicou o alcalde. "Esta xuntanza que está por vir en Pontevedra terá un carácter máis práctico e supoñemos que será pronto".
"Estou realmente contento porque sentamos a falar cunha actitude totalmente diferente, construtiva, operativa, e a miña idea é conseguir para a cidade de Pontevedra todo o que sexa posíbel con todas as administracións. Estamos nun tempo novo no que queremos traballar de xeito conxunto", finalizou.