O alcalde de Pontevedra valora positivamente que se comece a falar de alternativas de ubicación para Ence
Madrid, 21 de abril de 2021. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores salientou dous aspectos positivos como resultado da mesa de traballo para o traslado de Ence: a vontade da Ministra para a Transición Ecolóxica e do comité de empresa da fábrica por unha banda, e, pola outra, que por primeira vez a empresa abríu a posibilidade de estudar alternativas á ubicación de Lourizán. Fernández Lores, que acudiu á reunión acompañado polo Director Xeral de Urbanismo, Xosé Manuel Tato, resumiu o encontro “con eses dous aspectos positivos, o intento de falar das partes implicadas e a posibilidade de buscar alternativas á ubicación en Lourizán, que é un paso adiante importante e é a primeira vez que a empresa o di publicamente”.
Neste sentido, o alcalde lembrou que “a empresa sempre quixo manterse na ubicación actual e neste sentido conta co apoio entusiasta do PP e da Xunta e en contra dos intereses dos veciños e vecinas de Pontevedra e desde logo dos intereses do Concello de Pontevedra”. Insistiu en que “desde o punto de vista do Concello imos defender por encima de todo que Ence se ten que ir e logo se é posíbel a construción doutra planta na Galiza e manter os postos de traballos pois moitísimo mellor”, cuestión que vinculou coa necesidade de “acompañalo dunha reforma do plan forestal e de acotar a produción de eucalipto, porque ese monocultivo está xerando problemas de fondo”.
Miguel Anxo Fernández Lores, tras a reunión no Ministerio para a Transición Ecolóxica, salienta que por primeira vez a empresa abre a posibilidade de estudar alternativas á ubicación de Lourizán
Fernández Lores valorou positivamente o convite da Ministra para la Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, a participar nesta mesa de traballo e reiterou que “eu xa dixen desde o principio que ía asistir por cortesía, aínda que nós non temos competencias nas cuestións que se trataron, e quen as ten son maioritariamente a Xunta de Galiza, a empresa e, en todo caso, o Goberno Central”. Ademais da vontade de diálogo da propia ministra, o alcalde tamén se referiu á actitude dialogante do comité de empresa da frábrica que defendeu o mantemento dos postos de traballo, independentemente da ubicación da empresa. Ademais das alternativas á ubicación tamén se trataron outros temas como posibilidades de busca de financiamento a través de fondos europeos, en relación a cuestións como o mantemento do emprego, a innovación ou por novas alternativas para completar ciclo.
Na xuntanza convocada pola ministra para a Transición Ecolóxica, ademais do alcalde e do director xeral de Urbanismo do Concello de Pontevedra, tamén participaron o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, o subsecretario para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Miguel González Suela, o delegado do Goberno en Galiza e a súa xefa de gabinete, José Manuel Miñones Conde e María Rivas López, a directora xeral da Costa e o Mar, Ana María Oñoro Valenciano, o conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, o presidente e conselleiro delegado de Ence, Ignacio de Colmenares Brunet, o presidente comité de empresa, José Antonio Lafuente, o secretario do comité de empresa, Pablo Bacariza Arias, o representante do comité de empresa oficinas centrais, José Enrique González Romero, e o representante do comité de empresa sector laboral e transporte, José Antonio Taboada Gómez.