Os achados na Finca do Teucro confirman a expansión medieval de Pontevedra e a existencia de antigos estaleiros
Pontevedra, 12 de febreiro de 2026. O Concello de Pontevedra deu a coñecer os resultados das sondaxes arqueolóxicas previas relacionadas co estudo de detalle da Finca do Teucro, no centro da cidade, que sacaron á luz importantes vestixios que documentan o pasado medieval e mariñeiro da cidade. Segundo as informacións obtidas, os traballos de campo elaborados por Citania Arqueoloxía para Serviland (a empresa promotora) permitiron identificar estruturas que confirmarían a localización dos antigos estaleiros e o proceso de crecemento urbano entre os séculos XIV e XV.
As catas preventivas, obrigatorias pola normativa de protección do patrimonio no casco urbano e controladas pola Xunta, revelaron a presenza de muros de contención e estruturas que poderían ter delimitado no seu día a liña de costa e o avance da vila cara ao río. Segundo o Concello, estes achados permitirían xeolocalizar con maior precisión como a cidade foi gañando terreo á marisma durante a Baixa Idade Media.
O elemento máis destacado desta intervención é a aparición de evidencias relacionadas coa construción naval. O valor destes achados para entender a Pontevedra medieval sería fundamental para coñecer unha parte distinta da nosa cidade, oculta ata o de agora, porque "destapan antigos estaleiros", unha peza fundamental para explicar o auxe económico da cidade naquela época, cando se consolidou como o principal porto de Galiza.
Ademais das estruturas arquitectónicas, Citania Arqueoloxía atopou distintos materiais:
- Restos cerámicos: Pertencentes a diferentes períodos, que axudan a datar as fases de ocupación da zona.
- Pavimentos e cimentacións: Que indican a densidade de construción nun espazo que, malia estar extramuros, mantiña unha actividade industrial e comercial frenética.
- A pista do Teucro: unha pista de formigón que se empregou durante mediados do Século XX por parte da SD Teucro para xogar partidos de balonmán. Se ben é certo que estes restos non teñen o maior interese arqueolóxico, si que contan unha parte da historia da nosa cidade e dun club con máis de 80 anos ás súas costas.
Próximos pasos
A aparición destes restos obriga agora a unha avaliación detallada por parte do persoal técnico da Consellería de Cultura e do Concello de Pontevedra. Polo de agora, os traballos arqueolóxicos continúan para delimitar a extensión total dos achados antes de determinar se as estruturas deben ser documentadas e cubertas ou se, pola contra, algunha sección merece un tratamento de conservación específico.