Abraldes fai un balance positivo dos seus dez anos á fronte do concello de Barro e mostra o seu entusiasmo polo que está por vir
Abraldes realizou un balance positivo da súa xestión tras dez anos á fronte da administración local e, cunha mirada optimista cara ao futuro, expresou o seu compromiso e a súa ilusión por continuar traballando e escoitando as necesidades da veciñanza.
O rexedor manifestou que ao longo desta década centrou o seu traballo na mellora dos servizos, en procurar que o concello fora máis dinámico a nivel social e cultural e en pór en valor as parroquias e facer delas lugares cada vez máis atractivos e cómodos para vivir.
Destacou que un dos maiores logros desta década foi o de conseguir a estabilidade financeira da administración, que non estaba nos seus mellores momentos cando accedeu á alcaldía, mais que hoxe está nun bo estado económico e con capacidade para facer fronte e encarar proxectos estratéxicos e de maior calado.
O traballo e as xestións realizadas ao longo destes dez anos posibilitaron que neste 2025 Barro vaia ver como se fan realidade dous dos seus grandes proxectos a través de importantes investimentos, que permitirán dar pasos de xigante na mellora dos servizos prestados á veciñanza: a nova depuradora central e o novo centro de saúde.
Por unha banda a construción da nova depuradora central no Carballal (EDAR), un equipamento que permitirá chegar co saneamento a todo o concello. Grazas ao bo traballo por parte do goberno municipal, a nova EDAR comezará a súa construción no 2025. Abraldes tiña claro que precisaba dar todos os pasos previos de forma seria, rigorosa e eficaz, e así primeiro encargou un estudo para determinar a mellor localización desta infraestrutura, despois mercou a parcela, elaborou o proxecto e tramitou os permisos sectoriais. Unha vez que tiña os deberes feitos, presentoulle o proxecto a Augas de Galicia e esta decidiu apostar por Barro, recoñecendo o bo traballo feito por parte do goberno municipal. Agora, grazas a este traballo, neste mesmo ano comezará a construción da nova EDAR.
Esta nova depuradora tamén permitirá, tal e como estaba previsto desde o primeiro momento, que aquelas casas que aínda non teñan conexión coa rede de sanemento, poidan baleirar nesa as súas fosas sépticas. A EDAR terá un custo de máis de tres millóns de euros, que se financiarán entre a Xunta e o Concello de Barro e o concello poderá facer fronte a ese investimento grazas á súa sólida saúde financeira.
Outro dos proxectos cruciais para Barro que serán unha realidade é a construción do novo centro de saúde. Neste intre a Consellería xa ten adxudicada a redacción do proxecto do novo consultorio que este ano se adxudicará.
A este respecto, Abraldes asegurou que o concello velará para a Xunta dote as novas instalacións de todo o persoal sanitario necesario para prestar un servizo de máxima calidade á veciñanza de Barro.
Detrás da construción do novo centro de saúde tamén están a eficacia e xestión rigorosa por parte do goberno municipal, pois a Consellería non tiña previsto construír xa o centro de saúde no noso concello, pero a rapidez das xestións de Barro fixeron que se colocara por diante do resto de concellos e pasara a ser unha prioridade para a Consellería.
En canto ao futuro, Abraldes comentou que unha das prioridades que ten en mente e un dos obxectivos que se marca para os vindeiros anos é a mellora dos centros educativos e asegurou que, se as compañeiras e compañeiros do BNG así o queren, el móstrase coas mesmas ganas e ilusión que o primeiro día para volver ser cabeza de cartel e poder continuar á fronte do goberno municipal.