O BNG leva ao Congreso a adopción de medidas urxentes para a mellora da seguranza viaria na N-541, tanto para vehículos como para persoas

O BNG leva ao Congreso a adopción de medidas urxentes para a mellora da seguranza viaria na N-541, tanto para vehículos como para persoas

Cerdedo-Cotobade, 17 de xaneiro de 2023. “O BNG vai levar ao Congreso iniciativas para que de forma urxente, o goberno acometa unha mellora integral da estrada N-541, porque os accidentes que se produciron nas últimas semanas nesta estrada. con resultados fatais, non se poden volver producir”, afirmou o deputado nacionalista Nestor Rego, desde o punto onde tivo lugar o desgraciado accidente do pasado 24 de decembro, onde estivo acompañado, entre outros membros do BNG, polos portavoces municipais en Cerdedo-Cotobade e Forcarei, Ernesto Filgueira e Roberto Jorge.

“O BNG xa ten presentado no Congreso iniciativas para mellorar a seguranza viaria na estrada N-541”, afirmou o deputado nacionalista Nestor Rego, que lembrou que en outubro de 2021 el mesmo participou nunha concentración veciñal para demandar melloras na seguranza viaria desta estrada ao seu paso polo lugar de Calvelo, onde se facía especial fincapé na mellora da seguranza peonil.

Lembrou tamén o deputado nacionalista que o BNG presentou emendas ao orzamentos do Estado, tanto en 2021 como en 2022 para mellorar o estado da N-541. Así, no 2022 o BNG solicitou unha partida de máis de 10 millóns de euros para unha actuación integral en toda a estrada, que correxise os peraltados deficientes, paliase as retencións de auga, mellorase a capa de rodadura, o pintado, a sinalización vertical, e a iluminación nas zonas máis conflitivas. En definitiva que tivese en conta a necesidade dunha maior seguridade para a circulación e para os peóns e fixese esta estrada máis segura”, en palabras de Rego. “Inexplicabelmente, o goberno do Estado non apoiou a emenda nin adoptou ningunha medida de mellora dunha estrada con múltiples deficiencias”, sentenciou o deputado nacionalista.

Nestor Rego: “É urxente mellorar a estrada para que non teñamos a desgraza de ter que sofrer máis traxedias como as acontecidas as últimas semanas”

Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG en Cerdedo-Cotobade, Ernesto Filgueira, salientou que a mellora da N-541 “foi unha constante na acción política municipal do BNG, instando ao goberno municipal a que esixise do goberno do Estado melloras de seguranza, tanto para os desprazamentos a motor como para os desprazamentos peonís. É un tema de extrema gravidade, e os tráxicos acontecementos recentes viñeron poñer o foco de feito dramático sobre unha estrada na que levamos anos demandando unha mellora integral. Desde o BNG seguiremos insistindo na súa mellora e agardamos que, esta vez si, o ministerio poña enriba da mesa solucións aos problemas da N-541, e que as vítimas mortais producidas nesta estrada nas últimas semanas sexan as últimas que teñamos que chorar”

O BNG leva ao Congreso a adopción de medidas urxentes para a mellora da seguranza viaria na N-541, tanto para vehículos como para persoas