O BNG propón incrementar un 10% os fondos para Pontevedra e Vigo para corrixir a falta de ecuanimidade no reparto da Deputación
Pontevedra, 26 de xuño de 2026. O BNG reclamou hoxe un incremento do 10 % nas achegas da Deputación destinadas aos concellos de Pontevedra e Vigo co obxectivo de corrixir o “problema de ecuanimidade” no que está a incorrer de maneira reiterada o goberno do PP no reparto dos fondos da institución. O voceiro nacionalista César Mosquera realizou esta proposta durante o debate da modificación de crédito aprobada hoxe polo Pleno, no que o BNG optou pola abstención ao considerar que segue sen resolverse o trato desigual cara ás dúas principais cidades.
Mosquera lembrou que esta reclamación xa foi formulada en reiteradas ocasións, con especial insistencia no anterior Pleno, cando a Deputación aprobou unha achega extraordinaria para aliviar a parte de financiamento que os concellos beneficiarios dos fondos europeos EDIL deben asumir. O nacionalista explicou que o BNG apoiou aquela decisión porque era razoable que a Deputación colaborase cos concellos beneficiarios dos fondos europeos, mais lembrou a advertencia de que había que corrixir a diferenza de trato con Pontevedra e Vigo.
Segundo indicou, dado que a institución provincial decidiu asumir aproximadamente a metade da achega que correspondía facer aos concellos con proxectos EDIL (un 20% do investimento de cada proxecto), un incremento dun 10 % nos convenios de Vigo e Pontevedra, ao seu entender, sería unha solución perfectamente asumible e equilibrada para avanzar cara a unha maior ecuanimidade.
Cabe lembrar que Pontevedra e Vigo levan anos coa contía dos seus convenios provinciais conxelada mentres outros municipios continúan incorporando novas achegas a través de programas como o +Provincia, os Plans Extra, o Plan de Infraestruturas Deportivas ou, recentemente, o financiamento da achega municipal dos citados fondos EDIL. A situación supón, segundo Mosquera, unha “distorsión seria” no reparto dos recursos provinciais, até o punto de que concellos de arredor de 15.000 habitantes acabarán recibindo ao remate do exercicio máis financiamento da Deputación que as dúas maiores cidades da provincia.
Para o BNG, a proposta dun incremento do 10 % constitúe unha medida proporcionada que permitiría avanzar na recuperación do equilibrio territorial que existía en anteriores mandatos, cando tamén se reforzaban progresivamente os convenios específicos das dúas cidades atendendo ao seu peso poboacional, económico e institucional. Mosquera subliña que o que se reclama non son privilexios, “senón un esforzo da Deputación para que Vigo e Pontevedra non queden sistematicamente á marxe dos incrementos”.