Un Val-Sobral para as persoas, máis accesíbel, xa é unha realidade
Soutomaior, 7 de marzo de 2026. O alcalde, Manu Lourenzo, inaugurou nesta xornada a humanización do Val-Sobral. Unha cita na que estivo acompañado polo Deputado Provincial, Jorge Cubela, e polo director técnico da obra, Marco Díaz.
En primeiro termo, o director técnico da obra, Marco Díaz, dixo que dende a súa empresa INGENIERIA INFOURBAN SL, sempre “tratamos de que a obra estea integrada coa zona e a veciñanza que vive no lugar, neste caso fixemos unha humanización dividida en tres praciñas da zona que darán moita vida no Val-Sobral”.
O alcalde, Manu Lourenzo, lembrou que “detrás destes proxectos é importante destacar a colaboración institucional, que ten traído grandes cousas para o noso concello, a colaboración institucional sempre é unha prioridade xa que por enriba das diferenzas políticas sempre está a veciñanza”.
Manu Lourenzo rematou o acto sinalando que é moi imporante sermos capaces de ver o que era isto e o que é, “temos que ser capaces de levar este tipo de actuación a todo o concello e de ir expandido un modelo urbano máis amable, máis respectuoso, máis pensado para as persoas, máis accesible e na que se poña en valor esta marabilla de concello que aquí temos”.
O alcalde quixo tamén agradecer “a paciencia e os azos e folgos da veciñanza... esa é a vitamina que fai que a inercia deste concello tire para adiante, grazas a todas as persoas que fixestes posible este proxecto grazas e por moitos máis” concluíu.
A cita que rematou cun petisco e coa actuación o artista local Iván Gulín.