Tres planos ilustrados, tres olladas persoais: ‘Pontevedra Debuxada’ achega reivindicación e arte humana a través da representación da cidade en forma de mapa

Presentación de Pontevedra debuxada
Presentación de Pontevedra debuxada
Tres planos ilustrados, tres olladas persoais: ‘Pontevedra Debuxada’ achega reivindicación e arte humana a través da representación da cidade en forma de mapa

Pontevedra, 9 de febreiro de 2026. A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, presentou o resultado do proxecto "Pontevedra Debuxada", unha iniciativa que busca captar "miradas diferentes sobre a nosa cidade" e repensar o espazo urbano dende a creatividade e a pausa. O proxecto materialízase na creación de tres planos artísticos inéditos e culminará cunha exposición que se inaugurará o vindeiro 5 de marzo ás 19:00 horas na Casa das Campás. 

Segundo explicou Gulías, o Concello encargou este traballo a Taller Abierto, contando coa colaboración da Universidade de Vigo. O obxectivo era interpretar o plano de Pontevedra dende ópticas moi distintas, un reto asumido por tres ilustradoras: Natalia Umpiérrez, Aida Alonso e Paula Cheshire. 

Durante a rolda de prensa, as artistas debullaron as súas achegas, caracterizadas pola liberdade creativa e a diversidade de estilos: 

  • Natalia Umpiérrez apostou por unha vista panorámica en lugar do rueiro típico. A autora, nada e criada en Pontevedra, destacou o desafío técnico de xogar coas perspectivas e proporcións para que o espazo fose recoñecible, combinando "investigación e creatividade". 
  • Aida Alonso, que traballa coa técnica de recortes de papel, centrouse no vínculo afectivo que creou coa cidade durante a súa etapa de estudante de Belas Artes. O seu mapa destaca non só lugares especiais, senón tamén a "habitantes da propia cidade" e personaxes con personalidade propia que lle chamaron a atención.
  • Paula Cheshire, pola súa banda, realizou unha mestura entre mapa e cómic (banda deseñada). A ilustradora confesou a dificultade de orientarse xeograficamente, o que supliu contando unha historia persoal sobre os lugares onde se criou e os establecementos importantes para a súa familia. 

Un punto común destacado polas creadoras foi a reivindicación da arte feita por persoas. Tanto Aida Alonso como Paula Cheshire subliñaron a importancia de apostar pola "man humana, a intelixencia humana e a alma" e polas "cousas feitas dende o corazón" nestes tempos de auxe da intelixencia artificial. 

A mostra que se abrirá o 5 de marzo non só recollerá as obras finais, senón todo o proceso de traballo e metodoloxía. Ademais, a exposición incluirá os resultados dos obradoiros realizados previamente con nenos e nenas, nos que a cativada creou as súas propias obras inspirándose no estilo destas tres autoras e retratándoas. 

Os novos planos artísticos de Pontevedra estarán a disposición da veciñanza e dos visitantes na caseta de turismo da cidade, situada en Montero Ríos. 

Tres planos ilustrados, tres olladas persoais: ‘Pontevedra Debuxada’ achega reivindicación e arte humana a través da representación da cidade en forma de mapa