O tráfico do barrio do Burgo adaptarase ao modelo de cidade
A reforma integral da rúa da Santiña e a reordenación do tráfico no barrio do Burgo foron as dúas principais actuacións que o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, lle presentou á Asociación Sociocultural do Burgo. "Este é o mandato dos barrios e o efecto PO2 significa que temos que vivir mellor en cada un dos barrios da cidade" asegurou Demetrio Gómez e nesta filosofía enmarcou a reforma integral da rúa da Santiña para dotala de plataforma única e darlle un tratamento similar ao resto do Camiño de Santiago ao seu paso pola cidade, así como a reordenación do tráfico para limitalo ao estritamente necesario para o funcionamento do barrio.
Segundo indicou o concelleiro, a reordenación do tráfico irá acorde coa filosofía do modelo de cidade, o que implicará a eliminación do tráfico de paso e de axitación. "A idea é que o tráfico non atravese o barrio, que quen non teña que entrar non entre, e que as rúas queden para uso dos veciños e das veciñas" asegurou. Para acadar este obxectivo, o reordenamento implica os seguintes cambios:
- Inverter o sentido de circulación da avenida da Coruña, que pasaría a ser de subida en todo o vial
- Inverter o sentido de circulación do treito de Luis Otero que rodea o estadio de Pasarón, por detrás da bancada norte e por detrás da bancada de preferencia con saída cara a rotonda (da avenida de Compostela)
- Inverter o segundo treito da rúa da Santiña, a partires da rúa Valentín Paz Andrade, de xeito que quede de sentido único de saída
- O treito histórico da rúa da Santiña, o treito máis próximo á rúa do Burgo, quedaría de dobre sentido, ao igual que todas as rúas do centro histórico da cidade.
Acometerase unha reforma integral da rúa da Santiña para dotala de plataforma única e darlle un tratamento similar ao resto do Camiño de Santiago ao seu paso pola cidade
Con esta reordenación, o concelleiro asegurou que "estas rúas quedarían practicamente só para tráfico veciñal e para que poidan funcionar todos os negocios do barrio". Explicou que estes cambios implican unha pequena obra -cuxo proxecto está practicamente rematado- que consiste en cambiar a zona de aparcadoiros da avenida da Coruña, para que queden situados á dereita segundo o novo sentido da circulación (subindo).
Demetrio Gómez anunciou que este reordenamento do tráfico foi aceptado na xuntanza de onte e que a vindeira semana, o martes 29 de outubro, lles será exposto aos comerciantes e empresarios do barrio para contar tamén coas súas achegas. A previsión é que estea operativo a finais deste ano ou comezos do vindeiro.
Novo centro sociocultural
Na xuntanza de onte tamén se acordou a data da inauguración oficial do novo centro sociocultural do barrio que quedou fixada para o sábado 23 de novembro, aínda que a veciñanza comezará a utilizalo unhas semanas antes. A data da festa de inauguración programouse para despois do período electoral e, en palabras de Demetrio Gómez "para esta festa non cociñarán as señoras do barrio, esta vez cociñará o Concello para que poidan gozar todos e todas".
As novas instalacións, pendentes só da conexión da rede eléctrica, comezarán a utilizarse o 9 de novembro.