O taxazo de Sogama obrigará a subir en 40 euros o recibo do lixo de Soutomaior

contedor lixo soutomaior
contedor lixo soutomaior

Soutomaior, 31 de outubro de 2024. O pasado mes de xullo a Xunta tomou de maneira unilateral a decisión de incrementar o canon da empresa pública de tratamento de residuos Sogama á maioría de concellos galegos, entre eles Soutomaior. Esta suba, que se aplicará de maneira retroactiva a partir de xaneiro de 2025, suporá que a veciñanza de Soutomaior terá que pagar unha media de 40 euros nos recibos do lixo. 

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “co taxazo de Sogama imposto pola Xunta, a veciñanza de Soutomaior paga as consecuencias de que o PP optase no seu día por un modelo de tratamento de residuos altamente contaminante e contrario as directrices que marca a Unión Europea”. A normativa europea, que ten a súa transposición na Lei de residuos do Estado español, establece que a queima de residuos que practica Sogama non pode considerarse un tratamento sostible e polo tanto terá que pagarse sen ningún tipo de subvención ambiental. Isto provoca que o prezo do tratamento do lixo pase dos 78 euros por tonelada aos 108 euros no vindeiro ano. 

Manu Lourenzo sinalou que a normativa europea que obriga a repercutir nos usuarios o custe do tratamento do lixo que entra en vigor en abril de 2025. Ademais, en Soutomaior isto coincide coa nova concesión do contrato do servizo de recollida do lixo que ata o de agora realizaba a empresa Urbaser. O actual contrato con Urbaser levaba vixente dende hai 20 anos, o prazo rematou e agora hai que sacar unha nova licitación. Por cuestións obvias, os prezos de 2025 van ser superiores aos do ano 2005 e se a isto se lle engade o taxazo de Sogama, estamos ante un incremento exponencial dos custes. 

Bonificacións nos recibos

Manu Lourenzo sinalou que Soutomaior é un concello responsable que vai cumprir a lei, pero “na parte do servizo de recollida, o Concello bonificará e non vai repercutir na veciñanza o incremento que supón a nova concesión”. “O problema é que a Xunta sobe o prezo de Sogama e, ao contrario do que fai o goberno de Soutomaior, si o repercute nos concellos. Ese é o incremento do taxazo da Xunta, que si que o van a ter que pagar os veciños e veciñas de Soutomaior”.

Manu Lourenzo tamén sinalou que ademais disto o Goberno local habilitará bonificacións ás familias que o precisen e a aquelas persoas que reciclen. “Temos que bonificar as boas prácticas, polo tanto todas as persoas que reciclen terán bonificacións no recibo”. Para isto, o Goberno de Soutomaior avanza no proceso de contratación dun técnico medioambiental e está cunha campaña na que repartirá centos de composteiros entre a veciñanza. 

“O tratamento do lixo é un dos grandes retos das sociedades do século XXI. En Soutomaior cremos no respecto polo medio ambiente e por iso apostamos por un modelo ecolóxico, innovador e co que pretendemos reducir mais de mil toneladas cada ano de residuos orgánicos. Somos unha sociedade moderna e que quere deixar un mundo mellor aos nosos fillos e filas e estou seguro que entre todos e todas imos conseguilo”, concluíu o alcalde Manu Lourenzo.

 

O taxazo de Sogama obrigará a subir en 40 euros o recibo do lixo de Soutomaior
O taxazo de Sogama obrigará a subir en 40 euros o recibo do lixo de Soutomaior