Soutomaior humanizará a Fonte do Regueiro, e a súa contorna, en Alxán
Soutomaior, 24 de abril de 2026. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, deu a coñecer o proxecto de humanización da Fonte do Regueiro en Alxán, elaborado pola empresa INFOURBAN e que conta cun orzamento de máis de 60 mil euros.
Os traballos crearán un núcleo de centralidade neste espazo, un lugar cun alto valor patrimonial no barrio de Alxán. Con esta actuación o Goberno Local continúa co seu modelo de aposta no rural para ir dotando os barrios de melloras e modernizacións.
O lugar, actualmente deteriorado, transformará a súa imaxe. Tal e como dixo o alcalde, Manu Lourenzo, “con esta actuación avanzamos en investimentos nunha aposta polo rural baseada na confianza de que todo o potencial dos barrios supoñen melloras para a calidade de vida e para a veciñanza que vive no rural”.
Estes traballos tamén teñen como obxectivo dotar dunha maior seguridade viaria a zona e ofrecer unha mellora en canto a mobilidade, sustentabilidade e habitabilidade.
O alcalde lembrou que “un dos obxectivos estratéxicos do Goberno de Soutomaior desde o comezo do mandato é levar a cabo a transformación rural e urbana do noso concello para mellorar a calidade de vida da veciñanza”.