A sexta edición da proba BTT "Costa Atlántica" reunirá en Pontevedra a preto de 400 participantes a través de tres etapas

Presentación da proba BTT "Costa Atlántica"
Presentación da proba BTT "Costa Atlántica"
A sexta edición da proba BTT "Costa Atlántica" reunirá en Pontevedra a preto de 400 participantes a través de tres etapas

Pontevedra, 25 de marzo de 2026. A concelleira de Deportes de Pontevedra, Anabel Gulías, abriu a presentación da sexta edición da proba ciclista "Costa Atlántica", un evento que cualificou de "emblemático" e de gran complexidade técnica. A edil destacou a espectacularidade da competición, facendo especial fincapé no percorrido que atravesa a zona monumental e o centro histórico da cidade. Ademais, quixo agradecer o traballo en equipo entre institucións, a Federación Galega de Ciclismo, organizadores (Global DX), patrocinadores, Protección Civil e, de xeito moi especial, ás comunidades de montes polo seu papel fundamental para pór en valor o patrimonio natural. 

O presidente da Federación Galega de Ciclismo tomou a palabra para apoiar o evento cunha dobre visión: institucional e como participante. Asegurou que a Costa Atlántica é unha das mellores probas de formato BTT a nivel galego e estatal, destacando a posta en valor da riqueza paisaxística, cultural e mesmo gastronómica. Así mesmo, adiantou que o espectacular cambio de trazado na contrarreloxio deste ano é un dos grandes atractivos. 

Tres etapas e impacto internacional 

Dende a organización da proba, detalláronse as novidades e o percorrido desta sexta edición, que centralizará todas as súas saídas e chegadas na Praza da Ferraría. A competición dividirase en tres xornadas: 

Venres (10 de abril): Unha crono nocturna urbana duns 3 quilómetros polo centro histórico pontevedrés, mantendo o espectacular descenso polas escaleiras de San Telmo. 

Sábado (11 de abril): Unha etapa maratón de 77 quilómetros e 1.300 metros de desnivel positivo que pasará pola Armenteira, O Salnés, As Telleiras e O Castrove. 

Domingo (12 de abril): Un percorrido máis esixente cara ao Morrazo de 64 quilómetros e 1.500 metros de desnivel, que culminará cunha "pasta party" e a entrega de maillots. 

A proba está a ser un éxito de convocatoria, achegándose aos 400 participantes rexistrados, coas inscricións aínda abertas ata finais de mes. Máis da metade dos ciclistas proceden de fóra, contando con presenza internacional de países como Portugal, Luxemburgo, Suíza e Holanda, ademais de deportistas chegados dende Euskal Herría, Cataluña, Asturias, Baleares, Canarias e Estremadura. 

Este grande evento deportivo fará gala da súa magnitude atravesando 12 concellos (Pontevedra, Barro, Bueu, Cambados, Cangas, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Poio, Ribadumia e Vilaboa) grazas aos permisos e á estreita colaboración de 25 comunidades de montes e de diversas agrupacións de Protección Civil.

A sexta edición da proba BTT "Costa Atlántica" reunirá en Pontevedra a preto de 400 participantes a través de tres etapas