Sae a licitación a urbanización do núcleo urbano de Arcade, Talo Río, Portal do Ribeiro e Rosalía de Castro

infografía praza de talo rio
infografía praza de talo rio
Sae a licitación a urbanización do núcleo urbano de Arcade, Talo Río, Portal do Ribeiro e Rosalía de Castro

Soutomaior, 12 de decembro de 2025. O Concello de Soutomaior saca a licitación o proxecto da “reurbanización, mellora e humanización do centro urbano de Arcade como espazo público”. 

Un proxecto que suporá unha mellora do núcleo urbano de Arcade para favorecer tanto a vida da veciñanza como aos negocios que alí se encadran. Uns traballos que contarán cun investimento de 1 millón 200 mil euros e que traerán consigo a transformación da actual Alameda de Talo Río así como parte das rúas de Portal do Ribeiro e Rosalía de Castro. 

Na actualidade a praza de Talo Río presenta un importante deterioro e funciona como dúas rúas independentes e non como unha praza. O novo núcleo urbano de Arcade terá unha praza de pedra con materiais nobres e un corredor verde con árbores e un bosque no que se integrará o actual parque infantil. Ademais este proxecto tamén elimina un dos principais problemas que ten hoxe por hoxe a Praza de Talo Río que son as barreiras arquitectónicas motivadas, sobre todo, por un firme de xabre que no inverno supón un importante problema para as persoas de mobilidade reducida e que ten ademais diferentes desniveis que obrigan as persoas a ter que desprazarse varios metros para transitar a praza dun lado ao outro. 

O alcalde lembrou que “esta obra tamén vai a resolver problemas que creo transcenden ao propio ámbito do municipio en relación ao gran problema de separativas de pluviais e fecais que estaban supoñendo importantísimos verquidos á ría e que imos a sanear grazas a esta actuación nesta zona”.

Sae a licitación a urbanización do núcleo urbano de Arcade, Talo Río, Portal do Ribeiro e Rosalía de Castro