Os Premios Feroz homenaxean ás pioneiras do cinema na programación de novembro
Pontevedra, 23 de outubro de 2025. O mes de novembro está marcado pola celebración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres o día 25. Por segundo ano consecutivo, os Premios Feroz prepararon para novembro unha serie de actividades con marcado carácter feminista para achegar ás pontevedresas e aos pontevedreses algunhas figuras e oficios esenciais no sector audiovisual, pero que non sempre teñen visibilidade para o gran público.
O mes comezará co ciclo de cinema Pioneiras: películas e coloquios con mulleres clave na cinematografía. Unha forma de recoñecer ás directoras, guionistas e produtoras que abriron camiño, que son un referente para as que chegaron despois. Unha charla na que comentar, entre outros temas, as dificultades desas rodaxes, como era o sector cinematográfico nesa época e como ven a evolución da figura da muller na industria nos últimos tempos. Todas as proxeccións serán no Teatro Principal ás 18.00 horas. A entrada é de balde (previa retirada na Oficina de Turismo) até completar a cabida.
O sábado 1 de novembro será a proxección de ‘Brumal’ de Cristina Andreu. Estará a propia directora (fundadora e presidenta durante sete anos da Asociación de mulleres cineastas CIMA) que conversará con Teresa Cuíñas, xornalista da CSAG. (As entradas poderanse retirar na Oficina de Turismo a partir deste sábado, 25 de outubro).
O mércores 5 de novembro será o produtora Sol Carniceiro quen charle con María Hermida (La Voz de Galicia) sobre ‘Vamos, Bárbara’, ópera prima de Cecilia Bartolomeu (Premio Feroz de Honra 2022 como unha das figuras máis transgresoras que deu o cinema español).
O xoves 20 proxéctase ‘Función de noche’ de Josefina Molina, que levou a autoficción a outro nivel con este documental tan especial. A xornalista Concha Barral compartirá algunhas curiosidades das grandes divas do celuloide xunto a Belén López (Diario de Pontevedra).
O luns 24 será a proxección de ‘El crimen de Cuenca’ e o coloquio coa súa guionista, Lola Salvador, autora dalgúns dos guións imprescindibles da cinematografía española, distinguida coa Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes (2011) e o Premio Nacional de Cinematografía (2014), entre outros galardóns. Estará acompañada por Paula Cons, xornalista e cineasta.
A clase maxistral de Cristina Rodríguez, deseñadora de vestiario de cinema e TV ademais de presentadora e colaboradora de televisión, será o mércores 19 de novembro ás 19h na Facultade de Deseño (entrada libre ata completar aforo sen retirada de entrada). Rodríguez compartirá cos asistentes a súa perspectiva profesional como estilista para cinema e series, o seu proceso creativo e a súa visión do sector. Unha actividade que xa se realizou o ano pasado coa colaboración de Debut, a pasarela do máster en Dirección Creativa e Deseño en Moda e moderada por Lola Dopico, coordinadora do máster de Dirección Creativa e Deseño en Moda (UVigo). Cristina Rodríguez estivo nomeada aos Goya en 7 ocasións na categoría de Mellor Deseño de Vestiario, polos seus traballos en ‘Malnazidos’, ‘Explota, explota’, ‘Non culpes al karma de lo que te pasa por gilipollas’, ‘Tarde para la ira’, ‘Por un puñado de besos’, ‘3 bodas de más’ e ‘El cónsul de Sodoma’. En 2019 gañou un Premi de l'Audiovisual Valencià polo vestiario de ‘Vivir dos veces’. O público tamén a coñece como xurado do programa de televisión ‘Cámbiame’.
Para o 20 de novembro na Facultade de Comunicación, a Academia Galega do Audiovisual propón unha actividade no marco dos Premios Feroz 2026 centrada no guión audiovisual e o seu papel como estrutura viva dentro do proceso creativo dunha obra. Coa xornada ‘Procesos de escritura: guión, interpretación e montaxe’ búscase destacar o guión como unha ferramenta de diálogo entre distintos oficios e sensibilidades, á vez ofrécese ao público unha oportunidade para coñecer os procesos internos que dan forma ás historias que chegan á pantalla.
A xornada será na Aula de cine da Facultade de Comunicación e comezará ás 10.00 horas. A entrada é de balde e non será necesario retirar entrada previa. Estará estruturada en dúas mesas:
1. 10.15 - 11.30h. Guión e interpretación: Diálogo sobre o proceso de creación das personaxes, a lectura do guíon e a traudción á escena. Participantes:
- Victoria Teijeiro, actriz e guionista
- Ledicia Sola, actriz e guionista
- Fernando Tato, actor, guionista e director
- Paula Cons, directora e guionista
2. 11.30 - 13.00h. Guión e a montaxe. Conversa sobre a reconstrución do relato na sala de montaxe. Participantes:
- Laura Piñeiro: montadora de cinema e televisión
- Sandra Sánchez: Directora e montadora
- Ángel Filgueira: Guionista e cineasta
- Gaspar Broullón: montador, produtor e docente.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e os Premios Feroz uniron as súas forzas para celebrar un encontro sobre xornalismo cultural titulado ‘Informar sobre cinema’. A cita será o mércores 26 de novembro ás 19:00 en Casa da Luz, coa participación de María Guerra, presidenta da Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE); Ángel Suanzes, xornalista da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG); e Andrea Villa, especializada en comunicación cultural cinematográfica. Unha conversa aberta sobre os límites da información cinematográfica, as dificultades da especialización, a confusión entre información e promoción ou o papel da crítica.
A entrada é de balde con inscrición previa en xornalistas@xornalistas.gal
E o xoves 27 de novembro será un día moi especial para os Feroz: pola mañá, na Casa do Concello, terá lugar o anuncio de nomeados á 13a edición dos premios da AICE; e pola tarde haberá un coloquio no Teatro Principal cos intérpretes que desvelen os candidatos, para charlar co público pontevedrés sobre as súas carreiras, o panorama audiovisual actual e comentar os títulos favoritos dos Feroz 2026.
As dúas actividades serán abertas ao público previa retirada de entradas na Oficina de Turismo da rúa Montero Ríos. Poderanse retirar sete días antes de cada acto e poderanse entregar un máximo de 4 por persoa.