O PP vota en contra de retirar a simboloxía franquista do espazo público de Cerdedo-Cotobade

cotobade-memoria-histórica
cotobade-memoria-histórica
O Pleno do concello de Cerdedo-Cotobade rexeitou, cos votos do PP, unha iniciativa do BNG para limpar o espazo público de Cerdedo-Cotobade da abondosa simboloxía fascista que aínda existe, non só para cumprir así a Lei de Memoria Histórica, senón, e sobre todo, como acto de recoñecemento a todas as persoas represaliadas por defender a liberdade e unha sociedade máis xusta.
O PP vota en contra de retirar a simboloxía franquista do espazo público de Cerdedo-Cotobade

No Pleno do concello de Cerdedo-Cotobade que tivo lugar hoxe, 3 de febreiro, foi tratado, entre outros puntos, unha iniciativa do BNG que instaba ao goberno municipal á eliminación no 2020 da simboloxía falanxista e franquista de fontes, lavadoiros e outros bens públicos e mesmo mencións conmemorativas de exaltación da sublevación militar, da guerra civil ou da represión da ditadura.

O portavoz do BNG, Ernesto Filgueira, nunha intervención firme e razoada, expresou “o desexo de ver liberada á sociedade local da fonda ferida que pertence a tempos pasados de moita dor e crebas familiares que ben merece ser pechada con dignidade”. Filgueira fixo lectura dunha longa listaxe cos nomes de persoas represaliadas e asasinadas en Cerdedo e Cotobade na procura de acadar un firme recoñecemento en positivo por parte do conxunto da corporación. Asemade, apuntou que “os familiares das persoas perseguidas e represaliadas merecen xustiza, reparación da súa memoria e democracia. E a democracia só será tal se hai determinación por facer cumprir a Lei de Memoria Histórica neste ano 20”. Ademáis, esta moción recollía a creación dunha Comisión de Seguimento co nome de ELISIMFRA 2020 que se encargaría de xestionar o proceso de catalogación e eliminación dos bens e recursos afectados baixo a supervisión de concelleir@s e persoas/asociacións de amplo recoñecemento social nesta materia como Capitán Gosende ou o Colectivo Portalén.

A proposta para erradicar o franquismo no concello resultou rexeitada cos votos en contra do PP, non sen antes terse producido un acalorado debate sobre as cuestións legais recollidas nunha enmenda coa que Jorge Cubela pretendía substituir o texto presentado polo BNG. Ernesto Filgueira explicou que “o foco do debate non era a cuestión legal, pois son os técnicos e os xuristas os encargados de facer valer a lei, senón de abrir unha vía política que puxera punto e final ao franquismo, aínda moi presente no concello, ao longo deste ano”. 

Filgueira tamén manifestou que “sería bo que o PP e sobre todo o sr Cubela, que se considera un galeguista convencido, deran boa proba de querer afastarse da negra e escura etapa franquista apoiando esta iniciativa para abrir un tempo novo en Cerdedo e Cotobade con máis respecto histórico, máis memoria e máis democracia". Non foi posible.

O PP vota en contra de retirar a simboloxía franquista do espazo público de Cerdedo-Cotobade