PP e PSOE tentan paralizar a construción de vivenda protexida en Pontevedra

Alberto Oubiña
Alberto Oubiña
PP e PSOE tentan paralizar a construción de vivenda protexida en Pontevedra

O acceso á vivenda é, hoxe por hoxe, un dos principais problemas que sofren as familias e a mocidade de Pontevedra. Fronte a esta urxencia social, desde o Goberno do BNG asumimos sempre unha postura clara: responsabilidade institucional para avanzar e firmeza para defender un trato xusto para a veciñanza. 

O PIA de San Amaro, impulsado pola Xunta como administración coas competencias en vivenda, é a intervención urbanística de maior envergadura da cidade nos últimos anos, cunha proxección de máis de 2.000 vivendas. Unha actuación estratéxica que chega tarde para paliar un problema estrutural do País, pero que contribuirá a mellorar a situación, máis aínda cando a Xunta levaba máis de 15 anos sen construír unha soa vivenda protexida.  

Este proxecto non sae dun caixón de súpeto. Lévase traballando nel durante os últimos dous anos. Tratouse e debateuse na Comisión de Urbanismo do Concello ata en 7 ocasións. En todo este tempo, a coincidencia dos grupos políticos foi total. De feito, a delimitación do ámbito foi aprobada por unanimidade tanto en Comisión coma no Pleno.  

Neste tempo, PP e PSOE concordaron ca proposta e votaron a favor de cada paso durante meses. Pero agora semella cambiaron de idea, máis por unha cuestión electoralista ca real. Nós non funcionamos a golpe de electoralismo; nós mantemos a mesma postura dentro das comisións e de cara á cidadanía.  

No BNG optamos por unha máxima moi sinxela: apoiar firmemente as xustas demandas económicas e de información da veciñanza, pero non soster co noso voto ningunha manobra destinada a frear ou paralizar a construción de vivenda protexida

O papelón do PP neste conflito evidencia unha total falta de liderado. Mentres dende a Xunta impoñen o proxecto e ditan unhas valoracións de expropiación totalmente insuficientes, o PP local vota a favor de paralizalo. Ata as propias familias afectadas cualifican de "decepcionante e vaga" a reunión mantida con Domínguez, delatando o seu profundo descoñecemento dun proxecto que o seu propio grupo votara a favor no Concello. Por non falar da proposta de elaboración dun novo PXOM que fai agora, onde amosa que non ten nin idea do que tardaría en tramitarse un novo plan urbanístico global, entre outras cuestións.

Pola súa parte, o PSOE reacciona tarde cunha moción chea de condicionantes arquitectónicos para tratar de frear unha proposta positiva para a cidade. Eles mesmos votaron a favor da delimitación actual ata en 2 ocasións, que se lle remitiu á Xunta para avanzar na proposta. E agora queren paralizala sine die.

"No BNG optamos por unha máxima moi sinxela: apoiar firmemente as xustas demandas económicas e de información da veciñanza, pero non soster co noso voto ningunha manobra destinada a frear ou paralizar a construción de vivenda protexida. Non podemos sumarnos a PP e PSOE para frear algo que é positivo para Pontevedra e a súa xente", afirmou o concelleiro de urbanismo, Alberto Oubiña.

O Concello xa fixo o seu traballo esixindo e logrando melloras esenciais no deseño viario fronte á idea inicial da Xunta, e seguirá a facelo sempre que sexa necesario. É de xustiza que se complete este proxecto estratéxico, pero a Xunta de Galiza —que é quen ten o mando único e a competencia exclusiva do PIA — ten que dar a cara, abrir canles de diálogo reais e pagar un prezo xusto e digno polas propiedades expropiadas. 

PP e PSOE tentan paralizar a construción de vivenda protexida en Pontevedra