O PP impide que se aprobe a moción en defensa da sanidade pública de Soutomaior
A situación da sanidade pública de Soutomaior volveu provocar un intenso debate entre os grupos da corporación no pleno extraordinario que se celebrou a instancia do BNG. A pesar das peticións da oposición de que o pleno tivese lugar a unha hora na que puidese asistir a veciñanza, Agustín Reguera convocou o pleno ás 12.30 h e só media hora antes do pleno extraordinario previsto para as 13.00 e, tal e como adiantou o BNG, tivo que retrasarse case unha hora.
A iniciativa dos nacionalistas presentouse no concello despois de que o goberno local incumprise a lexislación vixente e non adoptase ningunha das medidas que se establecían no mandato plenario aprobado hai xa máis de 6 meses. Dende o BNG lembraron ao goberno local que “tanto a Lei de Bases de Réxime Local como o Regulamento orgánico de funcionamento das entidades locais, obriga ao alcalde a tramitar as resolucións dos plenos” e sinalaron tamén que “un alcalde non pode incumprir a lei en función do seus intereses particulares".
A este respecto, o portavoz municipal do BNG indicou que “namentres os veciños teñen que agardar máis de 3 horas no centro de saúde ou quedan sistemáticamente sen pediatra vemos como o alcalde mete no caixón acordos plenarios propostos polo BNG para buscar solucións e para defender a sanidade pública do municipio. É algo sinxelamente vergoñento e non merecemos un alcalde que prefira defender ao PP que aos seus propios veciños.
Pola súa banda, dende o Partido Popular sinalaron que a situación da sanidade de Soutomaior non presentaba moitos dos problemas que están a denunciar os veciños e a concelleira de Sanidade Cristina González argumentou esta afirmación sinalando que “eu por desgracia vou moito ao médico e hai días que teño que esperar e outros que non” e que “ iso de que a xente non se pode dar de alta é falso”. Ante estas afirmacións os membros do grupo municipal do BNG sinalaron que todas as demandas que se contemplan na moción non son as demandas do BNG senón que son as demandas dos veciños e veciñas de Soutomaior que están a padecer esta situación, e, por se isto non fose dabondo, son as demandas tamén da Xunta de Persoal Sanitario da Provincia de Pontevedra (o órgano no que están representados os médicos e os traballadores do SERGAS) que xa no ano 2015 aprobou unha resolución para solicitar novos médicos para o municipio, e son tamén as demandas de plataformas como SOS sanidade pública que veñen de defender unha ILP no parlamento galego no que mencionaron expresamente a situación de Arcade. Se ante esta situación o PP prefire dicir que aquí non pasa nada, eles saberán a quen están a defender”
Dende o PP tamén sinalaron que non se cumpriron as medidas en defensa da sanidade pública por “un fallo da secretaria” ao que o portavoz municipal do BNG Manu Lourenzo sinalou que "botar as culpas aos traballadores do concello é algo ao que nos ten afeitos no PP de Soutomaior", mais o alcalde non tivo resposta cando Manu Lourenzo leu o artigo 196.3 do ROF que deixa claro que a responsabilidade de cumprir as mocións do pleno é do alcalde antes que da secretaria municipal e que deben enviar os acordos do pleno aos organos correspondentes nos 6 días seguintes á celebración do pleno.
O voceiro municipal do BNG Manu Lourenzo concluíu que “no PP saben que o que fixeron está mal e saben tamén que os descubrimos e por iso pediron votar os puntos por separado para enlamar o debate e que os veciños non se enteren do que fan pero se algo quedou claro é quen defende a sanidade pública neste concello e quen garda as resolucións no caixón e vota en contra de iniciativas en defensa da sanidade pública. Que os veciños non teñan ningunha dúbida de que loitaremos ata conseguir a sanidade pública que merecen”