Pontevedra pon en marcha ‘Dámoslle volta ao conto!’ un xeito ameno e educativo de fomentar a igualdade entre as crianzas
Pontevedra, 23 de maio de 2025. Este xoves iniciouse a actividade "Dámoslle volta ao conto! Contos pola igualdade" que se organiza baixo o paraugas da área de Igualdade, destinada ao alumnado de Educación Infantil e Primaria da man da narradora Raquel Queizás.
As primeiras sesións foron nos CEIP A Xunqueira 1 e A Xunqueira 2; e seguirán venres 23, no CEIP Santo André de Xeve e a EEI de Verducido; luns 26, nos CEIP de Cabanas e Marcón; o martes 27, no CEIP Vilaverde de Mourente e no Daría González García; o mércores 28, no Froebel e no CPR San José; o venres 30 de maio, na EEI Fina Casalderrey e no CEIP Praza de Barcelos; e rematarán o luns 2 de xuño, nos CEIP de Lérez e Campañó.
A idea deste programa é promover a igualdade e previr as violencias machistas desmontando con contos os roles e estereotipos sexistas que dificultan a convivencia. Dámoslle volta ao conto é un espectáculo de contos tradicionais de diferentes culturas e historias de vida, con obxectos e monicreques.
O ano pasado os Contos pola Igualdade chegaron a máis de 800 crianzas de entre 3 e 9 anos. Trátase dunha acción financiada a cargo dos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero.