18 DE AGOSTO. PRAZA DA PEREGRINA
Pontevedra lanza un chamamento a todos os bailadores e bailadoras da Galiza para converter a praza da Ferraría no maior torreiro do país
Pontevedra, 18 de xuño de 2025. As Festas da Peregrina vivirán unha xornada de peche por todo o alto. Así quixo adiantalo o edil de Festas, Demetrio Gómez, que xunto coa Asociación Cultural Trépia, presentou a actividade ‘Aquí bailase’, unha xornada deseñada para promover o baile tradicional galego a través dunha celebración colectiva e masiva.
Gómez realizou un “chamamento a todos os bailadoras e a todas as bailadores deste país, ademais de a todos aqueles que aínda non o somos”, e así rematar as Festas da Peregrina o 18 de agosto, co obxectivo de converter a Praza da Ferraría no “mellor e no maior torreiro de toda Galiza”. Esta gran festa está pensada principalmente para que “todos e todas poidamos bailar os nosos bailes tradicionais”.
Conchi Pereiro, en representación de Trepia, agradeceu ao Concello a súa “colaboración e o seu apoio” neste “proxecto marabilloso e precioso”. Subliñou que ‘Aquí Bailase’ é un proxecto creado para “promover o baile tradicional galego entre a cidadanía de Pontevedra e todos os que se queiran achegar do arredor e fóra de Pontevedra”. O obxectivo principal é “promover e divulgar a nosa cultura” a través do baile e a música tradicional, que constitúen "o noso ben cultural e a nosa identidade" e “o noso patrimonio inmaterial”.
O proxecto inclúe un programa de obradoiros de participación e aprendizaxe do baile tradicional galego ao longo do verán. Estes obradoiros, cunha duración de dúas horas, están abertos a todo tipo de público, dende “a xente que saiba ata a que non saiba, que non coñeza, nenos, nenas, maiores”, convidando a todo o mundo a participar sen medo. Estes obradoiros estarán dirixidos por profesores recoñecidos que imparten clases en diversas asociacións, incluíndo a Asociación Cultural Trepia. Os profesores encargados de iniciar nos pasos básicos do baile tradicional son Carla Cecilia Riquelme, Cecilia Pastoriza e Álvaro Carballo.
As datas e lugares dos obradoiros son as seguintes:
- 12 de xullo: No Burgo, de 11:00 a 13:00 horas.
- 26 de xullo: No Gorgullón, de 11:00 a 13:00 horas.
- 9 de agosto: No Mercado de Abastos, de 11:00 a 13:00 horas.
A culminación de ‘Aquí Báilase’ será un “macroencontro” o 18 de agosto na Praza da Ferraría. A xornada comezará ás 19:00 horas cun obradoiro onde se ensinarán os pasos básicos de baile. A continuación, ás 21:00 horas, terá lugar a actuación da Asociación Cultural Traspés, un grupo referente en Galiza. Trepia, coas súas pandereiteiras, pandereiteiros e gaiteiros, está acostumado a que o público baile as súas pezas, fomentando a participación en xotas, muñeiras e tamén baile agarrado como vals. O obxectivo principal é fomentar a xota e a muiñeira para que “todo o mundo baile” e poida participar en calquera festa tradicional galega