Pontevedra gaña o premio de seguridade viaria urbana da UE, que se concede por vez primeira
Pontevedra, 18 de maio de 2020. A Comisión Europea anunciou esta mañá que Pontevedra era a gañadora do primeiro premio de seguridade viaria urbana da Unión Europea, un galardón que “completa un modelo urbano de éxito e que moitas cidades están mirando para tomar decisións sobre como conformar os espazos públicos das cidades”, segundo manifestou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, cando deu a coñecer o premio, logo da celebración do Pleno municipal, onde tamén informou a toda a Corporación.
O alcalde destacou que este premio cobra especial interese nestes momentos, cando Pontevedra volve ser un referente mundial pola recuperación dos espazos urbanos e “pola facilidade que teñen os pontevedreses para cumprir as normas despois deste confinamento”.
Fernández Lores manifestou a súa “grande satisfacción e agradezo o comportamento de todos os pontevedreses porque todas as decisións que tomamos serven para que os espazos urbanos sexan seguros e a xente non teña que terlle medo aos coches que deben cumprir a súa función económica, contaminen menos e permitan a cohesión da cidade e o uso dos espazos públicos. E facer de Pontevedra unha cidade atractiva para vivir”.
Pontevedra optaba a este premio logo de disputalo a outros 26 proxectos de toda Europa (10 do Estado español), xunto as localidades finalistas de Jaworzno (Polonia) e Ordu (Turquía). Segundo explicou o alcalde, a Unión Europea estaba facendo grandes esforzos por reducir a violencia viaria nas vías interurbanas, pero existía un grave problema nas vías urbanas. Con este premio a UE quere poñer en valor as accións das cidades, e “é unha grande satisfacción porque neste momento todas as cidades teñen que posicionarse no mundo, e Pontevedra cremos que se está posicionando ben”.
A decisión do xurado
O xurado que escolleu a candidatura de Pontevedra declarouse “impresionado por unha ampla gama de medidas, incluída a redución dos límites de velocidade a 10 e a 30 km/h, e a creación de máis espazos públicos atractivos para os peóns”.
Tamén destaca que “reducíu as súas mortes en estrada na cidade de maneira importante dende 1999, logrando de maneira impresionante cero mortes en vías urbanas entre 2011 e 2018”. O xurado fai fincapé en que “a cidade empregou unha estratexia de monitoreo clara e coidadosa para identificar as políticas efectivas e cales debían actualizarse, cuxo resultado era unha mobilidade activa, como camiñar ou andar en bicicleta”. Recolle que en Pontevedra o 80% dos nenos de 6 a 12 anos camiñan sós á escola.
Nas referencias web e de prensa da Comisión Europea, a comisionada de Transporte, Adina Valean, dixo das catro cidades gañadoras nas diferentes convocatorias feitas pola Unión Europea (Krusevac, Karditsa e Bruxelas) “os seus exemplos son poderosós que ilustran o papel principal que os líderes locais poidan desenvolver para facer que as nosas cidades sexan máis limpas, seguras e sóstibles. Agardo que isto sirva de inspiración para pobos e cidades que están reconsiderando as súas estratexias de mobilidade, especialmente, a raíz da actual pandemia”.
Sen data de entrega
Pontevedra concorreu a este premio a finais do pasado ano de mans da Concellaría de Promoción da Cidade e coñeceu que era finalista o pasado 28 de febreiro. A decisión do xurado íase desvelar nunha cerimonia prevista en Bruxelas o pasado 30 de marzo, pero a declaración de pandemia sanitaria obrigou a suspender aquel acto, e foi substituído polo anuncio realizado esta mañá pola Comisión Europea. O Concello aínda non ten confirmado se se celebrará un acto formal de entrega.