SUPORÁ UNHA TRANSFORMACIÓN RADICAL DE MONTE PORREIRO, A PARDA, VALDECORVOS E A SECA

Pontevedra confirma o investimento de 14,5 millóns nos barrios tras conseguir a ratificación da axuda europea dos fondos EDIL

Raimundo González
Raimundo González
Pontevedra confirma o investimento de 14,5 millóns nos barrios tras conseguir a ratificación da axuda europea dos fondos EDIL

Pontevedra, 22 de decembro de 2025. O Concello de Pontevedra recibiu a confirmación definitiva da concesión das axudas europeas para o desenvolvemento da súa estratexia EDIL (Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local). A Dirección Xeral de Fondos Europeos resolveu de xeito definitivo a convocatoria, asignando a Pontevedra unha axuda do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) de 8.730.304,00 euros. 

A resolución definitiva fixa unha taxa de cofinanciamento do 60% por parte da UE. A estrutura económica do plan queda ratificada do seguinte xeito: 

  • Achega FEDER: 8.730.304 euros.
  • Achega do Concello de Pontevedra: 5.820.202 euros. 
  • Investimento total mobilizado: 14.550.506 euros. 

O proxecto de Pontevedra obtivo a cualificación de "Seleccionado" cunha puntuación total de 76,5 puntos, consolidando o financiamento para actuacións clave no desenvolvemento urbano sostible. O concelleiro de Economía e responsable de Fondos Europeos, Raimundo González Carballo, celebrou a resolución definitiva xa que a chegada destes fondos "vai supor a transformación radical" dos barrios de Monte Porreiro, A Seca-Valdecorvos e A Parda. Ademais, o Concello conta con proxectos maduros o que facilitará cumprir coa obriga de ter executado e pagado o 20% da concesión a mediados de 2027. 

Os fondos destinaranse a proxectos estratéxicos de rexeneración urbana e dotación de servizos, e o Goberno local garante que serán executados todos independente da procedencia dos fondos: 

  • Monte Porreiro: As actuacións inclúen a construción dun novo pavillón de tenis de mesa cunha cuberta verde que funcionará como praza pública, a renovación do campo de fútbol e rugby, a rehabilitación integral do centro sociocultural con nova aula TIC e a reforma das rúas Alemaña, Irlanda, Luxemburgo e Reino Unido. 
  • A Parda: Financiarase o gran parque urbano de máis de 34.000 metros cadrados, unha obra actualmente en execución que dotará ao barrio dun gran pulmón verde. 
  • Valdecorvos: Crearase un parque inundable como solución baseada na natureza como medida paliativa dos asolagamentos na rúa Fernando Olmedo e gañar espazo verde.
  • A Seca: Urbanizarase un espazo público de centralidade situado xunto á vía do ferrocarril. 
  • Smart City: O plan inclúe tamén partidas para a administración dixital e a modernización tecnolóxica dos servizos municipais. 
Pontevedra confirma o investimento de 14,5 millóns nos barrios tras conseguir a ratificación da axuda europea dos fondos EDIL