A Planta de composta de Pontevedra: un fito no tratamento de residuos e na política forestal
O BNG está a pular desde o Concello de Pontevedra por un proxecto de importancia estratéxica para o futuro de Pontevedra e da Galiza: a planta de compostaxe que se vai instalar en terreos da Comunidade de Montes da Canicouva.
Mírese como se mire, a planta de compostaxe non supón máis ca beneficios. Cómpre termos claro que esta instalación precisa materia prima xerada nas vivendas (restos orgánicos) e no monte (restos vexetais dos traballos forestais).
En primeiro lugar, pois, serve para reciclar e reutilizar a materia orgánica xerada nos fogares e que, doutro xeito, ía a SOGAMA para consumir petróleo, ser queimado e contaminar o ambiente.
Por outra banda, no monte, a planta de produción de composta dálle unha saída á materia orgánica excedente que até o de agora eran considerados refugallo e xeraban múltiples problemas (contaminación, incendios, etc). Asemade xera uns ingresos para as comunidades dos que carecen, é dicer, a planta de compostaxe é un fito da política forestal porque dá unha nova utilidade ao monte.
Todos os grandes proxectos que precisan as veciñas e veciños de Pontevedra, a comezar pola peonalización, quitámolos adiante non xa en solitario, senón coa oposición frontal do resto das forzas políticas, nomeadamente o PP e o PSOE.
Alén disto, o proceso de procura de terreos foi un exemplo de transparencia, democracia e compromiso co país. Houbo un procedemento público de solicitude de terreos, primouse a ubicación en monte comunal e produciuse unha negociación cos propietarios que aprobaron en asemblea as condicións para a cesión. O Concello fixo a súa parte, agora tócalle á Deputación construir a planta.
En definitiva, reciclamos e reutilizamos; apostamos polo rural e o monte comunal; reducimos a contaminación; pulamos pola cooperación entre administracións; avanzamos cara unha democracia verdadeira e pomos en marcha un sistema de tratamento de lixo alternativo a SOGAMA.
Desgrazadamente, e como vén sendo habitual dende que Lores é alcalde e mesmo xa de antes, todos os grandes proxectos que precisan as veciñas e veciños de Pontevedra, a comezar pola peonalización, quitámolos adiante non xa en solitario, senón coa oposición frontal do resto das forzas políticas, nomeadamente o PP e o PSOE.