PROGRAMA MUNICIPAL SOBRE A DIVERSIDADE SEXUAL E DE XÉNERO
Pinto e Maragota enfronta a recta final do ano cun fervedoiro de actividades
Pontevedra, 15 de outubro de 2025. O programa municipal pola diversidade sexual e de xénero de Pontevedra Pinto e Maragota, que promove a Concellaría de Igualdade, enfronta a recta final do ano cun extenso plan de actividades lúdicas, formativas e reivindicativas. Hainas dirixidas á comunidade educativa, como unha vintena de obradoiros con alumnado dos institutos da cidade e unha xornada de formación para profesorado, e tamén pensadas para un público xeral, como dous vermús culturais (un literario e outro musical) e un novo proxecto en construción.
A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, subliñou durante a presentación da programación de outono de Pinto e Maragota que “todo este fervedoiro de propostas fan de Pontevedra unha cidade na vangarda de actividades ao redor da diversidade en todo o país, cunha programación ampla, variada, para o conxunto da cidadanía, unha cidade que non celebra o Orgullo só o 28 de xuño senón durante todo o ano, unha cidade orgullosa que celebra e reivindica a diversidade cada día”.
Os obradoiros Pinto e Maragota nos institutos xa están en marcha e estenderanse ata o inicio de decembro. Neles trabállase co alumnado arredor dos datos reflectidos na Enquisa sobre diversidade sexual e de xénero realizada nos centros de secundaria da cidade o pasado curso académico e que deixou un dato preocupante: menos do 50% dos enquisados considerou os centros educativos “espazos seguros” para a comunidade LGTBIQ+.
Trátase dunha actividade á demanda na que amosaron interese os IES Valle Inclán, Sánchez Cantón, A Xunqueira I, A Xunqueira II, Frei Martí Sarmiento e Torrente Ballester, ademais da EPA Río Lérez e a Universidade de Vigo.
XORNADA DE FORMACIÓN PARA PROFESORADO
Sen deixar a comunidade educativa, o programa Pinto e Maragota organiza para o vindeiro sábado 10 de outubro a súa sétima xornada de formación para profesorado "A diversidade sexual e de xénero nas aulas, unha materia pendente?", para a que están incritos máis de 150 docentes.
Unha conversa de Anabel Gulías, concelleira de Igualdade, e Raquel Rey, directora da Área de Diversidade da Universidade de Vigo, inaugurará a xornada formativa, ás 10.00 horas. Unha charla que leva por título: O persoal sempre é política.
Nesta ocasión, o encontro porá o foco no binomio diversidade e saúde mental (da man da psiquiatra Iria Veiga e o orientador educativo Miguel Calvo) e na persistencia, malia ser ilegais, das chamadas terapias de conversión.
Pero no encontro do profesorado caberán moitas cousas máis: desde a gravación dun podcast Prendísima en directo (cunha entrevista a unha sexóloga sobre os abusos na infancia) á presentación do estudo sobre as mulleres lesbianas en Galicia; pasando por unha conversa sobre diversidade e deporte entre a escritora María Reimóndez∫∫ e a boxeadora profesional Lorea Murgoitio ou a aprendizaxe de como encher a wikipedia de contidos queer.
Tamén, e xa entrada a tarde, haberá espazo para a literatura co escritor Álvaro Domínguez, autor de Gai o xusto e o investigador Carlos Callón, autor do libro Cantas lésbicas coñeces en toda a Historia de Galiza? A exclusión LGTB como axenda.
O encontro rematará co espectáculo poético-musical Onde dormen as baleas, de Andrea Nunes e Gael de Papel
A xornada formativa, como sempre, terá lugar no Teatro Principal. As persoas interesadas aínda poden inscribirse neste encontro, que é de balde, a través do correo info@pintoemaragota.gal
VERMÚS
Os vermús Pinto e Maragota convertéronse xa en citas lúdico-reivindicativas da diversidade sexual e de xénero de referencia en Pontevedra, un lugar de encontro para a cidadanía en xeral. Após do vermú tortilleiro de setembro, chegan dous novos vermús, relacionados co mundo da cultura queer:
Vermú Literario. Venres, 17 de outubro, ás 19.00 horas, na Libraría Paz.
Co pontevedrés, residente en Madrid, Álvaro Domínguez, autor da obra “Gai, o xusto”, un ensaio que reflexiona sobre o auto-odio nos homes maricas CIS, nun ton directo, rachador de estereotipos e cheo de humor. Esta obra - en edición bilingüe castelán-galego- quedou finalista do III Premio de teorías Queer e Crip Sonia Rescalvo Zafra.
Vermú Musical. Venres 14 de novembro, ás 20.00 horas, no Bar Verbena
Coa banda Raposa, Banda pontevedresa integrada por María Villanueva e Rubén Abad. Un proxecto consolidado sobre un cimento de corda pulsada, onde sobrevoa paisaxes batuxados por música clásica, jazz, músicas do mundo, canción protesta ou pop, nunha execución rebosante de matices e delicadeza. O material sonoro desprende equilibrio e proporción, unha confección acústica concebida coma ofrenda e reivindicación do honesto e fermoso da natureza humana e da música como ferramenta de cambio social, sempre reivindicando a realidade queer e a diversidade. Veñen de publicar o seu primeiro disco UN AMOR.