21 DE NOVEMBRO. 17.00H. SANTA CLARA

Pinto e Maragota crea o roteiro As pegadas da memoria “cuir” de Pontevedra para reconstruír a historia da disidencia sexual e de xénero na cidade

Imaxe Roteiro Memoria LGTBI-Pinto e Maragota
Imaxe Roteiro Memoria LGTBI-Pinto e Maragota
Pinto e Maragota crea o roteiro As pegadas da memoria “cuir” de Pontevedra para reconstruír a historia da disidencia sexual e de xénero na cidade

Pontevedra, 11 de novembro de 2025. O programa municipal pola diversidade sexual e de xénero de Pontevedra, Pinto e Maragota, estrea este mes de novembro o roteiro "As pegadas da memoria cuir en Pontevedra", un percorrido pola cidade para reconstruír a memoria da disidencia sexual e de xénero da capital. 

O roteiro está deseñado e guiado pola historiadora e investigadora Daniela Fermández, autora da obra A defunción dos sexos. A disidencia sexual na Galiza contemporánea e a xornalista e escritora, Eva Mejuto, autora do libro Memoria Diversa, unha recompilación de entrevistas a maiores LGTBIQ+.

As persoas interesadas en participar no roteiro e coñecer a memoria da disidencia sexual e local teñen que inscribirse a través da web apuntate.pontevedra.gal  Ten unha duración aproximada de 1 hora e 45 minutos. A cita é o venres 21 de novembro, ás 17.00 horas, diante do convento de Santa Clara. Ademais haberá quendas con estudantes, organizadas a través dos centros de ensino.

As pegadas de memoria “cuir” de Pontevedra comeza no convento das clarisas coa historia da monxa-frade María Gálvez no século XVI e sigue cara a Praza da Estrela, onde estiveron Federico García Lorca e a compañía “La barraca” en 1932. As visitas de Lorca levárono tamén nese ano ao Café Moderno e ao desaparecido cine Coliseum, na rúa García Camba, onde dous anos despois, en 1934 se proxectou o vangardista filme alemán “O misterio dos sexos” (Mysterium des Geschlechtes) de Lothar Golte, o que dará pé a falar tamén dos espectáculos de transformismo do primeiro terzo de século. 

Para falar dos anos do golpe de Estado e a ditadura, o roteiro achegaranos ata a praza de San Xosé, ao Edificio da Audiencia e á Alameda co fin de enmarcar a persecución da disidencia sexual a partir das leis de Vagos e Maleantes e a posterior lei de Perigosidade Social.

A carón do Arquivo Provincial falarase do Padroado de Protección á Muller, a institución franquista que someteu e torturou a milleiros de mulleres “caídas ou en risco de caer” e tamén a mulleres lesbianas e bisexuais. 

Na parte final do paseo: repasarase a chegada da democracia e os movementos LGBTI na Boa Vila, a época dura da SIDA, os matrimonios igualitarios logo da lei do 2005, as primeiras celebracións do Orgullo e a primeira vez que se izou a bandeira LGBT no Concello de Pontevedra; dos programas municipais arredor da diversidade de sexo e xénero - como o Pinto e Maragota, ao abeiro do que nace este roteiro-, a manifestación masiva no 2021 após asasinato de Samuel Luiz e os referentes queer da cidade e a actividade cultural arredor da diversidade de sexo e xénero na última década.

Pinto e Maragota crea o roteiro As pegadas da memoria “cuir” de Pontevedra para reconstruír a historia da disidencia sexual e de xénero na cidade