A ordenanza de ruídos de Soutomaior deixa en evidencia ao goberno local do PP

soutomaior-manu3
Manu Lourenzo, Portavoz do BNG

Coa presentación dunha ordenanza de ruídos chea de erros e dislates, o PP de Soutomaior non só demostra a súa nulidade, senón tamén unha profunda falta de respeto aos veciños e veciñas de Soutomaior

A ordenanza de ruídos de Soutomaior deixa en evidencia ao goberno local do PP

A Comisión de réxime interior e urbanismo no concello de Soutomaior deixou novamente en evidencia os problemas do goberno local do PP á hora de tramitar os documentos e ordenanzas que presentan aos plenos.

Ao igual que acontecera hai apenas unhas semanas, cando o grupo de goberno tivo que retirar da orde do día nada máis e nada menos que un PXOM, nesta ocasión, a ordenanza de prevención de ruídos presentada polo PP tiña tal cantidade de “erros e dislates que debería avergoñar a calquera persoa minimamente seria” tal e como afirmou o portavoz do BNG, Manu Lourenzo

Despois de que a Xunta aprobase o decreto 106/2015 sobre contaminación acústica de Galicia, que instaba aos concellos a tramitar as ordenanzas de ruídos, o goberno local de Soutomaior presentou aos grupos municipais a súa proposta de ordenanza na comisión informativa. Foi entón cando, despois de estudala, o grupo municipal do BNG sacou á luz á eivas que se desprenden da ordenanza que "ademais de ser un documento impropio dun goberno serio, contén apartados que suporán importantes problemas para as veciñas e veciños.

A ordenanza é unha chapuza monumental, un corta e pega que fai referencia a ordenanzas que nunca existiron

O voceiro do BNG referíase nestes termos ao feito de que na ordenanza aparezan erros como enumeracións de apartados que nin sequera se corresponden entre si ou disparates como que a ordenanza de ruídos nos remita a unha suposta “ordenanza de convivencia cidadá nos espazos públicos do concello de Soutomaior” que nin existe, nin nunca existiu. Estamos a falar dun goberno no que hai varias persoas cobrando, no que lle pagan a empresas por facer traballos, e aínda así temos que ver como dende o PP presentan estas chapuzas que demostran o nivel e o grao de rigor do grupo de goberno”

Pero por se isto fose pouco na ordenanza presentada polo goberno do PP tamén pretenden derogar  unha suposta ordenanza municipal de emisión de ruídos de 11 de agosto de 2006, mais esta ordenanza, tampouco existe nin nunca existiu no concello de Soutomaior. “O problema xa non é que presenten este tipo de chapuzas ou de cortapegas, sinalou o voceiro do BNG, o verdadeiro problema é que os veciños están pagando un soldo ao alcalde e soldos a varios a liberados e concelleiros e a pesar disto, ninguén no goberno local se molestou en ler a documentación que eles mesmos presentan nos organismos”

O proxecto de ordenanza contén ademais varios aspectos que poden provocar importantes gastos aos veciños xa que segundo se desprende do establecido na disposición transitoria única; os locais do concello “terán o prazo máximo dun ano para adaptarse a esta normativa”, cos elevados gastos que as obras de adaptación poden ocasionar a moitos establecementos do comercio local.

Dende o BNG sinalamos que a intención desta ordenanza non é outra que o afán recaudatorio do PP. Se quixesen resolver problemas preocuparíanse de facer os deberes e presentar documentos traballados e estudados. Pero lonxe disto o único que fixeron foi un corta-pega que adica boa parte da ordenanza a fixar as sancións e multas por incumprimento sen dar solucións aos problemas. 

Unha vez máis vemos como o goberno local prefire defender os intereses do PP antes que os dos seus propios veciños” concluíu Lourenzo.

A ordenanza de ruídos de Soutomaior deixa en evidencia ao goberno local do PP