O BNG presenta 667 alegacións veciñais á Variante de Caldas tras unha rolda de reunións polas parroquias

Presentación alegacións variante de Caldas
Presentación alegacións variante de Caldas
O BNG presenta 667 alegacións veciñais á Variante de Caldas tras unha rolda de reunións polas parroquias

Caldas, 1 de setembro de 2025. O voceiro do BNG en Caldas, Manuel Fariña, presentou hoxe  667 alegacións veciñais á Variante de Caldas realizadas seguindo o modelo que a formación nacionalista distribuíu nos últimos días polas parroquias. Os escritos reclaman unha avenida ‘branda’ que solucione os problemas de tráfico na vila e que se descarte a alternativa proposta polo Ministerio de Fomento que afecta os lugares de Godos e Bemil de maneira  “inasumible” sen mellorar a mobilidade.

Fariña, acompañado de varias veciñas na Subdelegación de Goberno en Pontevedra, destacou que a proposta do Bloque está a ser moi ben acollida en Caldas, xa que a xente ve necesario e asumible realizar un anel viario que rodee a vila para desconxestionar o centro. Salienta que a mellor fórmula para isto é unha estrada branda, con velocidade moderada e integrada coa trama urbana, que conecte Tibo con As Veigas de Almorzar cun trazado igual ou moi semellante á alternativa NC-1b recollida no estudo Informativo. 

“Temos claro que hai práctica unanimidade entre a veciñanza en rexeitar a proposta do Ministerio. Non podemos asumir que esnaquicen as nosas parroquias sen sentido para non solucionar nada”, advertiu o nacionalista. 

Manuel Fariña destaca a boa acollida da proposta nacionalista para crear unha avenida que rodee o centro en lugar da alternativa do Ministerio 

Segundo o Bloque, debe desbotarse calquera trazado vinculado ao acceso directo ao porto de Vilagarcía de Arousa (especialmente as alternativas NC-1a e C-3a), por ser innecesario e non responder aos obxectivos de mellora da mobilidade, así como  calquera alternativa que afecte ás parroquias de Santa María, Bemil e Godos, por “supoñer unha ruptura social e territorial e un factor de despoboamento rural”. Fariña destaca que o tempo actual de viaxe entre o enlace de Baión e a AP-9 é duns cinco minutos e que as variantes propostas só reducirían este tempo en menos dun minuto, unha diferenza insuficiente para xustificar o custo e o impacto ambiental e social da obra.

As alegacións do Bloque, xunto coas presentadas hoxe, advirten de que os trazados dividirían as parroquias en dúas zonas sen apenas pasos de conexión, xerando unha ruptura da comunidade e afastando a poboación das contornas urbanas de Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa. “As consecuencias serían especialmente negativas para a cohesión social, para a mobilidade da veciñanza e para a conservación do territorio, ademais de contribuír, sen ningún xénero de dúbida, ao despoboamento dunha zona rural xa vulnerable”.

Segundo Fariña, a prioridade da nova Variante de Caldas debe ser resolver o tráfico de paso que soporta o núcleo urbano de Caldas de Reis, en especial a circulación pesada con orixe e destino nos polígonos industriais de As Veigas de Almorzar e O Pousadoiro, así como das empresas de referencia da comarca (Clesa, Foresa, Indalsu, Clavo, entre outras). 

Para iso, o nacionalista defende que a única alternativa válida é unha Variante de Caldas de carácter brando e tráfico calmado. En paralelo, o BNG destaca que debe liberarse de peaxe a AP-9 no tramo Caldas– Carracedo (alternativas AP-9 1 e AP-9 2). “Esta medida complementaria si que suporía unha alternativa eficaz e inmediata, reducindo tráfico de paso innecesario polo centro urbano e mellorando a conectividade do territorio”, finaliza.

O BNG presenta 667 alegacións veciñais á Variante de Caldas tras unha rolda de reunións polas parroquias