O núcleo urbano de Arcade xa pertence ao concello de Soutomaior
Soutomaior, 15 de abril de 2026. Dende a chegada ao concello o actual Goberno de Soutomaior iniciou os trámites para a transferencia das rúas Xosé Solla, Roxelio Landeiro e O Calvario que constitúen a PO 264 entre a ponte de Ponte Sampaio e o cruce da Feira de Arcade.
Para o alcalde, Manu Lourenzo, “cando entramos no Goberno entendemos que era necesario actuar no núcleo urbano de Arcade, unha zona que levaba décadas sen investimentos, e que no caso de rúas como Xosé Solla e Roxelio Landeiro presentaban un importante estado de deterioro”. O alcalde explicou que estas rúas non eran propiedade do concello senón da Xunta de Galiza, o que significa que o concello non tiña capacidade para actuar sobre elas.
Deste xeito, o alcalde, Manu Lourenzo, iniciou dende hai máis de dous anos as negociacións coa Xunta para que este organismo transferise a titularidade destes tramos da PO 264 ao concello de Soutomaior. A negociación comezou a abrirse camiño na delegación da Xunta de Vigo na reunión mantida, no pasado mes de outubro, coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz e co director territorial na provincia de Pontevedra, José Manuel Gómez González. Tempo despois, explicaba o alcalde, o acordo contemplou que a Xunta acometería obras de mellora e humanización no tramo comprendido entre Ponte Sampaio e Fonte do Conde e que coa titularidade das rúas, o concello se puidese presentar, entre o tramo de Fonte do Conde e Roxelio Landeiro, para o proxecto de humanización e arranxo ao Plan Extra da Deputación de Pontevedra.