O novo campo de petanca da praza da Cítara, na Parda, estreouse cun partido oficial da Liga Municipal

Anabel no campo de petanca da Parda
Anabel no campo de petanca da Parda
O novo campo de petanca da praza da Cítara, na Parda, estreouse cun partido oficial da Liga Municipal

A concelleira de Deportes de Pontevedra, Anabel Gulías, acudíu á Praza da Cítara, no barrio da Parda, para presenciar o primeiro partido que se disputou na nova pista de petanca. Este campo, recén rematado, xa abriu a mediados desta semana pasada para que os participantes da liga puideran adestrar nel antes da estrea competitiva. 

A adecuación destas instalacións foi adxudicada á empresa Garocaprim e contou cun orzamento de 9.776,80 euros. Para a execución da pista, os operarios escavaron parte da zona verde da praza, creando así o terreo de terra e area necesario para a práctica deste deporte. Con esta nova infraestrutura, a zona da Parda e Pontevedra Leste suma a súa segunda pista (xunto coa da rúa dos Soutos), ampliando a extensa rede municipal que xa conta con 21 campos. 

Ademais, están en carteira o novo campo de petanca de Acevedo, na parroquia de Ponte Sampaio, que se executará á par que o novo local social, e un novo campo na parroquia de Salcedo, ao carón da Casa Verde. Ampliando así estas superficies deportivas a 23. 

O partido inaugural enmarcouse na Liga de Petanca de Pontevedra promovida pola Agrupación de petanqueiros/as de Pontevedra e polo Concello, que, nestes momentos, está formada por 16 clubes. 

A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, puxo en valor esta disciplina porque vai moito máis alá da actividade física xa que "é unha ferramenta fundamental para o encontro xeneracional e fomenta o benestar da veciñanza". Así mesmo, lembra que con este tipo de infraestruturas e eventos, Pontevedra "coida as súas tradicións" mentres promove un deporte activo en todos os barrios e parroquias do municipio. 

O novo campo de petanca da praza da Cítara, na Parda, estreouse cun partido oficial da Liga Municipal