A Mostra Internacional de Cinema LGBTIQ+ de Pontevedra, celebrará a súa 9a edición no mes de maio en Belas Artes

Presentación de "Ambienta"
Presentación de "Ambienta"
A Mostra Internacional de Cinema LGBTIQ+ de Pontevedra, celebrará a súa 9a edición no mes de maio en Belas Artes

Pontevedra, 16 de abril de 2026. O edil de Cultura Demetrio Gómez presentou a 9a edición da Mostra Internacional de Cinema LGTBIQ+ de Pontevedra, “Ambienta”, que terá lugar os días 7,14,21,28 e 29 de maio. Estivo acompañado da vicerreitora do Campus de Pontevedra, Eva Lantarón, en representación da Universidade de Vigo que, coa cesión do Salón de Actos de Belas Artes facilitou a celebración do evento logo do peche do Teatro Principal. 

Lantarón salientou que esta colaboración “é o xeito que temos de devolver a xenerosidade do Concello coas cesións do Teatro Principal para acoller parte da nosa programación, como é o Concerto de Primavera que tiña lugar no momento do suceso ou a Miteu que se vai celebrar a próxima semana no Pazo da Cultura. Somos institucións irmás, damos apoio cando máis preciso é. Ante a adversidade a cultura non se detén e a nosa universidade sempre será acubillo para ela. Este ano acolleremos a mellor produción audiovisual queer, que encaixa perfectamente cos valores do noso Campus Crea. Cremos nun cinema que, como a educación, remexe conciencias e celebra as nosas realidades”. 

O edil Demetrio Gómez, logo de agradecer “esta cesión sen a cal teriamos grandes problemas para celebrar Ambienta” apuntou que “Ambienta é un proxecto que achega mediante o audiovisual unha reflexión sobre as situacións que vive o colectivo na súa vida cotiá e que este ano ano dá un salto espectacular e convértese nun festival de primeira orde que quere reclamar o seu espazo xa non só en Pontevedra, senón na programación de todo o país e eu diría incluso de fóra das fronteiras de Galiza. Este ano recibimos no Ambienta unhas cantas personalidades que lle van dar prestixio: Tania Medina e Alba Loureiro creadoras de ‘Contando los días’ que se vai proxectar o 7 de maio cun posterior coloquio con Eva Mejuto. O día 21 logo de ver ‘Ivan and Hadom’, estrea absoluta en Galiza que vén de gañar na Berlinale o ‘TEDDY AWARD’, o premio de cine queer máis destacado do mundo, teremos un encontro con Samanta Hudson que é case unha pontevedresa máis. O día 29, o único venres, para clausurar o festival temos a nosa estrela Xoán Fórneas ‘O Xoán’ que vén presentar ese días das curtas o seu videoclip e co que imos ter unha actuación para presentar os seus temas ao vivo na propia facultade de Belas Artes”. 

O edil destacou unha selección de películas que calificou de “boísima”, e que se fai coa colaboración co Cineclube, Fic Bueu, Avante Pontevedra, Pinto e Maragota e os Feroz. Ven coma sempre a través das numerosas seccións habituais: Ambienta Clásico, seleccionado polo Cineclube, para ver películas clasicas onde se tratan temas LGTBI, un Ambienta Estrea, Ambienta en curta, seleccionado polo FIC Bueu, Ambienta Encontro para xerar diálogo e debate a partir destas propostas audiovisuais”. 

Entre a numerosa programación o edil salientou as “dúas estreas absolutas en Galiza, que aínda non pasaron polas salas comerciais: ‘Ivan & Hadoum’ o 21 de maio e ‘Nueve lunas’ o día 28. O día 7, ‘Contando los días’, unha serie nun novo formato a través de 34 reels autoconclusivos de instagram, nomeada como mellor webserie nos Mestre Mateo e Mellor creación en novos formatos dos premios ODA. Na sección clásica teremos o xoves 14 ‘Mi querida señorita’ de Jaime de Armiñán. Unha película de 1972 nomeada Mellor película de fala non inglesa nos Oscar (1973). Este é un fantástico momento para revisar este filme que nestes días estrea nova versión con guión de Alana S.Portero e Los Javis como produtores. 

A clausura do festival terá lugar o venres 28 coa proxección de 3 curtas chegadas de 3 países distintos: Algo novo que contar (Galiza), Hello stranger (Canadá) e Bloomer (Suecia). 

Despois da actuación de O Xoán coa presentación do seu videoclip, a festa ‘Ambientazo’ terá lugar en La Verbena coa DJ Beti de la Church. 

Programa

A Mostra Internacional de Cinema LGBTIQ+ de Pontevedra, celebrará a súa 9a edición no mes de maio en Belas Artes