Mosquera prognostica que as obras de rehabilitación de Santa Clara van demorarse como mínimo ata a segunda metade de 2027

Mosquera, almorzo informativo
Mosquera, almorzo informativo
Mosquera prognostica que as obras de rehabilitación de Santa Clara van demorarse como mínimo ata a segunda metade de 2027

Pontevedra, 7 de xaneiro de 2026. O voceiro do BNG na Deputación de Pontevedra, César Mosquera, prognosticou hoxe que as obras de rehabilitación de Santa Clara van demorarse, como mínimo, ata a segunda metade de 2027. O nacionalista advertiu de que, con todos os trámites que quedan por facer, vai resultar case imposible que os traballos se inicien neste mandato, dubidando incluso de que cheguen a estar adxudicados. “Hai unha total incapacidade de xestión por parte do vicepresidente Domínguez (...). A súa preocupación son as notas de prensa e saír ben nas fotos, pero no resto anta ‘escasito’, ‘escasito’, por non dicir que é nulo”, dixo.

Mosquera explica que os ritmos da Deputación están a ser anárquicos e exemplo de descontrol. Subliñou que o goberno provincial ten adxudicadas dende hai meses as escavacións arqueolóxicas para os terreos do convento, mais destacou que, como na redacción do proxecto das sondaxes non interveu o arqueólogo do Museo que coñecía os antecedentes  (pois foi apartado polo actual goberno provincial), o mencionado proxecto está mal e hai que modificalo para que corresponda co que pide Patrimonio.

O portavoz do Bloque subliñou que farán falta moitos meses só para avanzar nos trámites de arqueoloxía. Sinalou que o goberno provincial aínda non fixo a solicitude de licencia para facer as escavacións a pesares de poder tela solicitado xa no mes de xullo . Destacou que, aínda que o Concello a conceda esa licencia a unha velocidade de vertixe unha vez que se pida, logo abrirase un novo prazo para realizar a intervención ‘in situ’ no terreo, que é moi ampla. “Canto tempo levará? Seis meses? Oito meses?”, cuestionou o nacionalista, que engadiu que, despois e a maiores, o resultado proxecto arqueolóxico deberá que ser avaliado de novo por Patrimonio.

 En función dos resultados das sondaxes, e unha vez recibido o novo informe positivo do departamento autonómico, Mosquera lembra que aínda hai un novo paso fundamental: haberá que redactar o proxecto final da rehabilitación do convento por parte de Nieto&Sobejano, o estudo de arquitectura adxudicatario da actuación, e solicitar a licencia definitiva. Ante isto, o nacionalista prognosticou que “salvo misterio” neste mandato non se vai facer a reforma de Santa Clara: “como moito faranse as sondaxes, é dicir, moi pouco”. 

En canto aos edificios centrais do Museo, Mosquera explicou que o descontrol na xestión é tamén grande. O deputado do BNG destacou o “ridículo” feito polo presidente, ao non ser informado por Domínguez de que as obras tiñan o beneplácito de Patrimonio, e ao dicir -no Pleno do 23 de decembro- que a Deputación estaba aínda á espera de informe sectorial cando este documento xa estaba no expediente provincial o 15 de decembro. 

Lembrou que inicialmente o PP criticara o túnel de conexión entre os edificios históricos mais que finalmente o soto vai ser maior do previsto só para albergar a Cámara de Numancia. “Grazas a ese chiste perdemos tres millóns de euros -de subvención-. É impresentable”, destacou.  

O voceiro provincial insistiu na situación de “despendole” e destacou que a incapacidade do vicepresidente fixo que se perdan, en total, os 28 millóns (25 millóns propios e os 3 millóns da axuda) que quedaran consignados para o Museo e Santa Clara polo anterior goberno bipartito. “Desfacer, parar, liala é facilísimo. Sacar as cousas adiante é moito máis complicado”, dixo Mosquera, quen engadiu que se a maiores se suman ‘vendettas’ e ‘rencillas’ como as que están a aparecer nestes momentos,“a ensalada é gloriosa”.

O exvicepresidente Mosquera fixo fincapé, neste sentido, en que se sinte “doído” porque o actual goberno provincial desmontou a totalidade do traballo feito anteriormente. “Eu débome a Pontevedra. Son concelleiro aquí e despois de botar a andar o Revitaliza, comprar Santa Clara e poñer a andar os edificios centrais dixen que estaba disposto a colaborar, pero estou agardando hoxe. Todo o que se fixo -neste goberno- foi desfacer”, criticou.

Inestabilidade

En canto ao futuro, o voceiro do BNG manifestou a súa esperanza de que o goberno provincial se estabilice e funcione o mellor posible “tras a desfeita dos seis primeiros meses”, o continuo cambio de deputados, os problemas e leas internas do PP (coa ‘fuxida’ da vicepresidenta Marta Fernández Tapias como principal expoñente), e o descabezamento de servizos como Príncipe Felipe, o Museo, Infraestruturas ou o Revitaliza.

Con respecto a este último programa, Mosquera subliñou que dous dos concellos, Mondariz Balneario e Valga, que podían ter cumprido os parámetros esixidos pola Unión Europea (e que en 2023 tiñan alcaldes do PP) deixaron de ter cobertura provincial para seguir traballando na compostaxe da fracción orgánica. “Desmantelaron o servizo e non se está a facer nada en materia de residuos”, subliñou.

Finalmente, en canto ao financiamento que a Deputación dá a Pontevedra, Mosquera volveu reivindicar un aumento dos fondos para a capital. Subliñou que incluso a asignación que Louzán entregaba a Pontevedra “era máis equitativa que agora”. Destacou que neste momento o Concello perdeu todas as transferencias extraordinarias que se sumaban aos 2,5 millóns que se daban como base. “Este ano, no que aínda non se adxudicaron os cartos do Plan Extra II aos concellos da provincia, Pontevedra estará no décimo posto das transferencias. Esa é tamén unha demostración do peso que ten Domínguez no goberno provincial”, insistiu o nacionalista.

Mosquera prognostica que as obras de rehabilitación de Santa Clara van demorarse como mínimo ata a segunda metade de 2027