Mosquera insiste en que a tramitación para reformar os edificios centrais do Museo “está peor que hai dous anos”
Pontevedra, 11 de xuño de 2025. O voceiro do BNG na Deputación César Mosquera insistiu hoxe, ante a última comparecencia do vicepresidente Domínguez , en que a tramitación para reformar os edificios centrais do Museo está peor que hai dous anos. Por iso, volveu solicitar a Luís López que, se quere avanzar no proxecto, debe buscar outra persoa que o xestione ante a “incapacidade manifesta” do actual responsable político das obras.
“O señor Domínguez non anunciou absolutamente ningún paso adiante, ningunha xestión nova nin ningún avance con respecto aos edificios centrais do Museo nin de Santa Clara. A realidade é que nestes momentos está peor que hai dous anos, vai máis atrasado que hai dous anos. Reitero que se o señor presidente da Deputación quere que estas obras avancen, porque creo que o señor Domínguez xa demostrou a súa incapacidade, que o dedique a outras cousas que hai moito que facer na Deputación, e o encargue a outra persoa que teña capacidade de xestión e que non se perda en mil detalles sen avanzar nada”, subliñou.
Sen querer entrar nun cruce de reproches, pero co fin de aclarar a situación, Mosquera subliñou que o proxecto aprobado polo goberno bipartito en maio de 2023 si estaba sendo controlado polo departamento provincial de Arquitectura. Subliña que así consta oficialmente na acta do Pleno na que se aprobou o proxecto -que é pública-, citando que existe informe de supervisión da xefa de servizo, co seu correspondente código de verificación.
Mosquera tamén subliña que o proxecto aprobado no Pleno en maio de 2023 estaba a piques de ser enviado ao departamento de Contratación para iniciar a licitación. Lembra que o propio Partido Popular solicitou publicamente que se paralizase ese trámite ao “non entender” a urxencia de facelo xusto antes das eleccións municipais que podían dar lugar a un cambio no goberno provincial, condicionando os seguintes movementos dos futuros mandatarios. Finalmente, por principio de prudencia, o bipartito decidiu agardar para abrir esa licitación. Tras iso, o goberno provincial cambiou de mans.
En canto á autorización de Patrimonio ao proxecto aprobado en 2023, o voceiro do Bloque subliñou que “estaba todo negociado e recollidas todas as aportacións de Patrimonio, todas”. Mosquera destacou que Domínguez “pode meterse nos ‘patacais’ que queira, pero o caso é que a día de hoxe pasaron dous anos dende que o proxecto estaba listo para licitar e non hai avances. Estamos peor porque perdemos dous anos”, insistiu.